A conselleira de Política Social e Igualdade asistiu hoxe á presentación do novo recurso
A Xunta reforza a súa colaboración co Concello de Poio para a posta en marcha do futuro centro de día
Fabiola García destaca que este equipamento será fundamental para ofrecer unha atención integral e de calidade, así como para facilitar a conciliación das familias
Poio (Pontevedra), 10 de setembro do 2026
A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, salientou a colaboración institucional para facer realidade o futuro centro de día de Poio. Fíxoo durante o acto de presentación á veciñanza deste novo recurso, no que tamén interviñeron o presidente da Deputación de Pontevedra, Luís López, e o alcalde do concello, Ángel Moldes.
Fabiola García sinalou que este novo recurso “será fundamental para ofrecer unha atención integral e de calidade”, ao tempo que “suporá unha gran axuda para as familias da contorna, favorecendo a conciliación”, engadiu. Así mesmo, puxo en valor que esta actuación permitirá recuperar o edificio da antiga escola municipal, agora en desuso, así como o emprazamento escollido: próximo ao centro de saúde.
A conselleira destacou o impulso que o alcalde Ángel Moldes lle deu a esta iniciativa e garantiu o apoio do Executivo autonómico a aquelas propostas que, como esta, redundan no benestar da veciñanza de Poio. Neste sentido, apuntou que o obxectivo da Xunta “é seguir avanzando nesta Galicia Calidade que sempre ten moi presente o coidado e o compromiso coas persoas”.
A Xunta achega preto de 120.000 euros ao financiamento das obras deste centro de día, que ten un orzamento total de máis dun millón de euros e que tamén conta co apoio económico dos entes provincial e local. A previsión é que as obras comecen neste último trimestre do ano e o seu prazo de execución é de sete meses, segundo o proxecto. O centro terá capacidade para entre 40 e 60 prazas.