O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude participou na entrega do V Premio de Literatura Infantil Simbad para o Recordo e o Alzhéimer, creado por Agadea
López Campos destaca "a forza da literatura como canle para abordar sensibilidades entre a cativada"
O galardón, que conta co apoio da Xunta de Galicia, distingue as obras vencelladas ás enfermidades relacionadas coa demencia
Destaca a capacidade deste certame “para impulsar a creación na nosa lingua á vez que conciencia ás xeracións máis novas sobre esta doenza”
A Estrada (Pontevedra), 10 de setembro de 2026
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, felicitou hoxe a Laura Vázquez, a gañadora da quinta edición do Premio de Literatura Infantil Simbad para o Recordo e o Alzhéimer, unha iniciativa impulsada pola Asociación Galega de Axuda aos Enfermos con Demencia Tipo Alzhéimer que conta co apoio da Xunta de Galicia porque, tal e como destacou, “impulsa a creación literaria en galego á vez que conciencia as xeracións máis novas sobre esta doenza a través da lectura”.
Así, durante a entrega do galardón nun acto celebrado na Estrada, o responsable de Cultura do Goberno galego tamén transmitiu os seus parabéns á asociación Agadea “pola posta en marcha dun proxecto tan sensible que xa está consolidado”, ao tempo que se mostrou orgulloso porque “os creadores e creadoras se animen a poñer o seu talento a favor desta convocatoria que avoga pola forza da escrita como canle para abordar sensibilidades entre a cativada”.
Ademais, o conselleiro fixo fincapé na importancia que ten a lingua neste certame porque “non deixa de ser unha conexión interxeracional que achega á mocidade desde expresións populares a termos específicos das vivencias que se reflicten, impulsando os seus vencellos co idioma”.
O nome de Laura Vázquez únese hoxe ao de Raquel Castro, Ignacio Vidal, Irene Alonso, Ángela María Curro e Rita Doallo, distinguidos nas catro primeiras edicións deste premio.
Promoción da literatura en galego
O Premio de Literatura Infantil Simbad para o Recordo e o Alzhéimer partiu da inspiración dunha obra pioneira neste campo en Galicia, Chamádeme Simbad (2009), de Francisco Castro, e busca sensibilizar sobre as devanditas enfermidades, así como promover a literatura infantil e xuvenil en galego.
Dese xeito, a temática das obras, ben sexan novela, novela gráfica, poesía ou álbum ilustrado, xira cada ano ao redor da memoria e os recordos, a sensibilización das demencias, as persoas anciás, as actividades interxeracionais ou as persoas coidadoras, entre outras cuestións vencelladas ao alzhéimer.