A Xunta licita por máis de 695.000 € a subministración de equipamento electromédico con destino ao novo Edificio C do Hospital Clínico Universitario de Santiago de Compostela
A aparataxe recollida no expediente inclúe un ecógrafo para radiodiagnóstico de mama ou un videoinstamógrafo
A Xunta está a facer un investimento de 5,7 millóns de euros para a dotación de equipamento e mobiliario para o novo inmoble
As empresas interesadas neste procedemento teñen de prazo ata o vindeiro 28 de setembro para presentar as súas ofertas
O Plan de investimentos do novo inmoble reafirma o compromiso da Xunta coa modernización tecnolóxica e a mellora continua da calidade asistencial e coa posta en marcha desta infraestrutura neste ano
Santiago de Compostela, 11 de setembro de 2026
A Xunta vén de publicar no Portal de Contratos Públicos de Galicia, a licitación, por un importe de 695.750 euros, da subministración de equipamento electromédico con destino ao novo edificio de Consultas Externas do Hospital Clínico Universitario de Santiago de Compostela.
O expediente recolle, así mesmo, a distribución, montaxe e instalación da aparataxe e a integración cos sistemas de información corporativos do Servizo Galego de Saúde.
Deste xeito, o contrato recolle un equipo radiocirúrxico con destino á Unidade de dor, un ecógrafo para radiodiagnóstico de mama que permite facer probas de imaxe non invasivas para detectar lesións, ou un equipo de potenciais evocados que posibilita medir a actividade eléctrica do sistema nervioso.
O contrato suporá a compra dun sistema de posturografía dinámica computerizada, que facilita a avaliación dos trastornos do equilibro, a marcha e o sistema vestibular; un equipo de potenciais vestibulares mioxénicos evocados para a exploración do oído interno e as vías do equilibro; e un videoinstamógrafo, equipo médico de alta precisión deseñado para examinar o sistema vestibular e o sistema óculo-motor.
As empresas interesadas neste procedemento teñen de prazo ata o vindeiro 28 de setembro para presentar as súas ofertas.
Máis de 5,7 millóns de euros
A Xunta está a facer un investimento de 5,7 millóns de euros para a dotación de equipamento e mobiliario para o novo Edificio C do Hospital Clínico Universitario de Santiago de Compostela.
Así, o Servizo Galego de Saúde está a licitar os expedientes para a posta en marcha desta infraestrutura sanitaria, que inclúen aparataxe electromédica, o mobiliario clínico e de oficina, os equipos informáticos e o instrumental clínico e cirúrxico das unidades asistenciais do novo inmoble.
O Plan de investimentos do novo Edificio C do Hospital Clínico reafirma o compromiso da Xunta coa modernización tecnolóxica e a mellora continua da calidade asistencial que o sistema sanitario público lle presta á poboación galega, e coa posta en marcha do novo edificio este mesmo ano.