O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración participou no acto de imposición de insignias de ouro e carnés de socios de honra da asociación Día de Galicia en Asturias

A Xunta aposta pola colaboración para impulsar os lazos culturais e socioeconómicos entre Galicia e Asturias e as oportunidades que brinda esta unión

González destaca o labor da asociación Día de Galicia en Asturias, que conmemora 31 anos de traxectoria a prol da difusión da idiosincrasia galega no Principado

Refírese ao Camiño de Santiago como outro nexo de unión entre ambos territorios que fai que Oviedo e Santiago formen parte dunha mesma historia europea de peregrinación, encontro e intercambio entre pobos

Felicita aos galardoados coas insignias de ouro e os carnés de socios de honra da asociación, que son o arcebispo de Santiago de Compostela, Francisco José Prieto Fernández, e o presidente da Fundación Policía Española, Rafael del Río Sendino

Oviedo, 13 de setembro de 2026

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, destacou hoxe en Oviedo a importancia da colaboración para impulsar os lazos culturais e socioeconómicos entre Galicia e Asturias e visibilizar o potencial de ambos territorios en materia de talento, industria, recursos e capacidade empresarial. Así o sinalou no acto de imposición de insignias de ouro e carnés de socios de honra da asociación Día de Galicia en Asturias con motivo do 31 aniversario da entidade.

Neste sentido, o conselleiro puxo en valor o seu labor a prol da difusión e preservación da idiosincrasia galega en Asturias. Un traballo, engadiu, que converte a esta asociación nunha embaixada da cultura galega en territorio asturiano e en exemplo do que significa tender pontes entre pobos.

Mostra disto son as arredor de 20.000 persoas galegas residentes no Principado de Asturias así como as 17.000 persoas asturianas que viven en Galicia. Outro exemplo dos vínculos entre ambos territorios aos que se referiu González é o Camiño de Santiago, que fai que Oviedo e Santiago formen parte dunha mesma historia europea de peregrinación, encontro e intercambio entre pobos.

Ademais, o conselleiro felicitou aos galardoados coas insignias de ouro e os carnés de socios de honra da asociación Día de Galicia en Asturias, que son o arcebispo de Santiago de Compostela, Francisco José Prieto Fernández, e o presidente da Fundación Policía Española, Rafael del Río Sendino. De ambos destacou a súa a vocación de servizo aos demais, un dos aspectos que reflicte a dimensión humana da edición deste ano desta conmemoración.

A este acto, que é o principal da celebración do aniversario da asociación Día de Galicia en Asturias, súmanse outros eventos como o concerto de onte en homenaxe a persoas en soidade ou a misa desta mañá na Catedral de Oviedo, neste caso en recordo das persoas socias e amigas falecidas da asociación Día de Galicia en Asturias e en solidariedade co pobo venezolano así como con todos os pobos de España afectados polos incendios.

Empresas homenaxeadas

Outra iniciativa enmarcada na celebración do 31 aniversario da asociación Día de Galicia en Asturias foi o encontro empresarial astur-galaico que tivo lugar o venres. Nel foron homenaxeadas quince empresas e entidades de Galicia e Asturias de ámbitos moi diferentes da actividade económica. Isto reflicte, especificou José González, o potencial do noroeste de España como terra de oportunidades e que a irmandade de Galicia e Asturias abrangue, ademais da cultura, os ámbitos económico e empresarial.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 13/09/2026