A Xunta destaca na Estrada o valor da iniciativa de orientación laboral impulsada pola Fundación Santa María la Real a prol da empregabilidade feminina
A Estrada (Pontevedra), 14 de setembro de 2026
A secretaria xeral de Emprego e Relacións Laborais, Susana Pérez Iglesias, participou hoxe na Estrada —xunto co alcalde Gonzalo Louzao— na presentación da segunda edición do programa gratuíto de orientación laboral Adestra emprego rural, impulsado pola Fundación Santa María la Real coa colaboración da Xunta e dirixido a mulleres en desemprego. Esta iniciativa desenvolverase de setembro a decembro na provincia de Pontevedra, entre outros puntos de España, e conta coa cofinanciación do Fondo Social Europeo Plus (FSE+) e Fundación Mapfre, no marco do Programa estatal de Inclusión Social, Garantía Infantil e Loita contra a Pobreza. As mulleres interesadas en participar poden inscribirse online nesta ligazón.
Neste sentido, Susana Pérez Iglesias salientou o valor de medidas coma esta a prol da inserción laboral feminina, un dos colectivos prioritarios nas políticas de emprego do Goberno galego. Neste ámbito, a Xunta impulsa distintos apoios, entre eles os destinados a este colectivo no marco do programa Galicia Suma Talento: Emprégate, con convocatoria aberta ata o 30 de setembro e que optimiza a inserción das mulleres con máis dificultades de acceso ao mercado laboral. Deste xeito, potencia as axudas para a contratación de mulleres vítimas da violencia de xénero e da trata de seres humanos ou con fillos/as menores de 3 anos desempregadas por terse dedicado ao coidado. Deste xeito, a achega por muller contratada chegará aos 10.000 euros.