Belén do Campo pon en valor o papel da Real Academia de Medicina de Galicia como referente da ciencia e da saúde na Coruña

 A delegada da Xunta asistiu ao descubrimento da placa conmemorativa da implantación da Real Academia de Medicina de Galicia na cidade da Coruña desde o ano 1833

A Coruña, 15 de setembro de 2026

A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, acompañada da directora territorial da Consellería de Sanidade, Cristina Pérez, asistiu ao descubrimento da placa conmemorativa da implantación da Real Academia de Medicina de Galicia na cidade da Coruña desde o ano 1833 unha institución que leva máis de 190 anos vinculada á cidade e que constitúe un dos grandes referentes da historia médica e científica de Galicia.

Durante o acto, a representante do Goberno galego puxo en valor a importancia dunha institución que forma parte da historia da Coruña e que, desde a súa chegada á cidade en 1833, contribuíu ao avance da medicina, á formación dos profesionais sanitarios, á investigación científica e á divulgación do coñecemento médico.

A Real Academia de Medicina e Cirurxía de Galicia foi creada en 1831 en Santiago de Compostela e, o 10 de xullo de 1833, unha orde da Real Xunta Superior Gobernativa de Medicina e Cirurxía determinou o seu traslado á Coruña. Oito días despois xa consta documentalmente establecida na cidade, onde permanece desde entón.

“Esta placa é moito máis ca un recordatorio histórico: é o recoñecemento a unha institución que forma parte da identidade da Coruña e que leva case dous séculos poñendo o coñecemento, a ciencia e a saúde ao servizo da sociedade”, sinalou Belén do Campo.

A delegada destacou que a Academia tivo ao longo da súa historia un papel fundamental en ámbitos como o estímulo da investigación médica, a publicación de traballos científicos, a formación, a saúde pública e o asesoramento médico-legal. Desde os seus primeiros anos exerceu tamén importantes funcións de carácter sanitario sobre o territorio galego-asturiano.

Unha institución con presente e futuro

Belén do Campo salientou tamén a capacidade da Real Academia para manter vivo ese legado e adaptarse aos novos retos da medicina, incorporando ao debate académico cuestións vinculadas á innovación, ás novas tecnoloxías e á transformación do sistema sanitario.

Neste sentido, lembrou o compromiso da Xunta de Galicia coa institución, que se materializou nos últimos anos a través de distintos instrumentos de colaboración. En 2024, a Consellería de Sanidade formalizou un convenio coa Real Academia de Medicina e Cirurxía de Galicia, dotado con 30.000 euros, para financiar actuacións relacionadas co estudo e a investigación das ciencias médicas e o desenvolvemento de actividades científicas de interese xeral. Esta colaboración mantívose en 2025, cun novo convenio da Consellería de Sanidade e unha achega de 30.000 euros, destinada igualmente a apoiar as actuacións da Academia no ámbito do estudo e da investigación das ciencias médicas. Neste senso, a delegada confirmou que próximamente se asinará o convenio para o ano 2026.

“Desde a Xunta queremos seguir acompañando ás institucións que fan de Galicia unha terra de coñecemento, investigación e excelencia. A Real Academia de Medicina é un exemplo dese compromiso e unha peza fundamental para conectar a tradición científica coa medicina do presente e cos retos do futuro”, afirmou a delegada.

A colaboración institucional tamén se reflectiu recentemente na actualización do marco normativo da Academia. En novembro de 2025, o Consello da Xunta aprobou a modificación dos seus estatutos, impulsada pola propia institución, para adaptar o seu funcionamento aos novos tempos, incluíndo a posibilidade de celebrar reunións telemáticas, a incorporación da perspectiva de xénero e novos mecanismos relacionados coa colaboración dos académicos con organismos xudiciais.

Case dous séculos de historia

A delegada territorial subliñou que a permanencia da Academia na Coruña desde 1833 converte a cidade nunha referencia histórica para a medicina galega.

“A Coruña non se entende sen a súa tradición sanitaria, científica e universitaria, e a Real Academia de Medicina forma parte inseparable desa historia”, apuntou.

Belén do Campo trasladou o recoñecemento da Xunta a todas as persoas que, ao longo destas décadas, contribuíron á traxectoria da institución e salientou especialmente o labor dos académicos e profesionais que seguen traballando para preservar e ampliar o coñecemento médico.

“Hoxe lembramos o pasado, pero tamén miramos cara ao futuro. Que esta placa sirva para recordar o camiño percorrido e, ao mesmo tempo, para reafirmar o compromiso de seguir avanzando na investigación, na formación dos profesionais e na mellora da saúde e do benestar dos galegos e galegas”, concluíu.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 15/09/2026