Máis de 40 investigadores participan na sesión formativa para optar ás axudas do Consello Europeo de Investigación
A Xunta e a Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT) celebraron hoxe en Santiago o ERC Proposal Reading Day para orientar ao persoal investigador sobre as candidaturas ás axudas europeas máis prestixiosas
Nesta sesión, os científicos leron e consultaron propostas de proxectos gañadores en convocatorias anteriores, que lles poden servir de base para as súas
Galicia conta na actualidade con 47 científicos gañadores de axudas ERC que desenvolven 59 proxectos en centros de investigación galegos
Destes 47, 28 están contratados como investigadores distinguidos ao abeiro do Programa Oportunius da Xunta
Santiago de Compostela, 15 de setembro de 2026
Galicia acolleu hoxe o ERC Proposal Reading Day, unha sesión dirixida a investigadores interesados en optar ás axudas máis prestixiosas de Europa, as que concede o Consello Europeo de Investigación (ERC). Máis de 40 investigadores do noso ecosistema de I+G+i participaron neste encontro, no que puideron ler e consultar propostas de proxectos gañadores en convocatorias anteriores, o que lles servirá de base para elaborar as súas futuras propostas. A Fundación Española para la Ciencia y la Tecnoloxía (FECYT) e a Xunta de Galicia colaboraron para a celebración deste encontro.
A directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo, animou aos investigadores a presentarse a estas axudas europeas para poder levar a cabo proxectos punteiros desde a nosa Comunidade e contribuír así ao fortalecemento da I+G+i.
Galicia experimentou un crecemento exponencial no número de candidaturas presentadas ao ERC nos últimos anos. Así, mentres que en 2023 se rexistraron 23 propostas, a cifra ascendeu a 43 en 2024 e acadou as 54 en 2025. Ademais, na convocatoria ERC 2026, e á espera do peche da convocatoria de Proof of Concept, xa se teñen presentado 67 candidaturas. Estes datos amosan o crecente interese da comunidade científica galega e o potencial do ecosistema galego de investigación.
Este incremento da participación veu acompañado tamén dunha mellora dos resultados. O ano 2025 foi o mellor para Galicia desde a creación do ERC. Con 11 axudas concedidas nas distintas modalidades do programa, a comunidade situouse na terceira posición estatal, só por detrás de Cataluña e Madrid.
Apoio do Programa Oportunius
A este avance contribúe o Programa Oportunius, a principal iniciativa da Xunta de Galicia para a retención, captación, retorno e atracción de persoal investigador excelente. O programa está dirixido a profesionais que desexen desenvolver a súa carreira científica en Galicia, contribuíndo a reforzar as oportunidades de acceso aos programas do ERC e ampliando os beneficios asociados a estas prestixiosas axudas.
Entre outras cuestións, Oportunius ofrece apoio especializado que se concreta na realización de actividades formativas para a preparación de propostas ERC, servizos de análise de prepropostas, servizos de asesoramento e revisión de propostas. Desde a posta en marcha do programa en 2014, revisáronse máis de 331 candidaturas e desenvolvéronse 32 accións formativas nas que participaron máis de 800 investigadoras e investigadores. Só en 2026, Oportunius prestou xa máis de 50 servizos de revisión de prepropostas, 25 servizos de asesoramento para a preparación de propostas e 12 servizos de apoio na fase final de entrevista.