A Xunta licita por 3,2 M€ o desenvolvemento dunha nova plataforma de apoio á prescrición, validación, homologación, dispensa e seguimento farmacoterapéutico

A plataforma deberá permitir a explotación proactiva e segura da información farmacolóxica, clínica, microbiolóxica e farmacoxenómica dispoñible nos sistemas corporativos

Proporcionaralles aos profesionais sanitarios capacidades avanzadas de apoio á decisión clínica, mellorando a seguridade do paciente

A crecente complexidade da atención sanitaria, o incremento da cronicidade e da polimedicación e a incorporación constante de novos medicamentos e terapias avanzadas, fan necesario un novo paradigma baseado no apoio activo á decisión farmacoterapéutica

As empresas interesadas neste procedemento teñen ata o vindeiro 19 de outubro para presentar as súas ofertas

Santiago de Compostela, 21 de setembro de 2026

A Xunta vén de publicar no Portal de Contratos Públicos de Galicia, a licitación, por importe de 3.252.480 euros, dos servizos de desenvolvemento evolutivo dunha nova plataforma para o apoio á prescrición, validación, homologación, dispensación e seguimento farmacoterapéutico. O Executivo galego considera necesario desenvolver unha nova plataforma que integre, substitúa progresivamente e evolucione os sistemas actuais.

Cofinanciado nun 60 % con fondos Feder Galicia 2021-2027, o contrato terá unha duración de 36 meses e recolle unha posible prórroga por un período máximo de dous anos. Neste caso, o valor estimado do contrato ascende a 5.017.600 euros.

Esta actuación busca transformar os sistemas corporativos de prescrición farmacéutica desde un modelo reactivo cara a un modelo preditivo e proactivo de apoio á decisión clínica, orientado a identificar riscos, personalizar tratamentos e actuar antes de que se produzan problemas relacionados coa medicación.

As empresas interesadas neste procedemento teñen ata o vindeiro 19 de outubro para presentar as súas ofertas

Incremento da cronicidade e  incorporación de novos medicamentos

A Consellería de Sanidade e o Servizo Galego de Saúde desenvolveron un software de dispensación electrónica nas oficinas de farmacia en Galicia e estableceuse neste período o proxecto de implantación da receita electrónica, denominado e-Receita, en toda a rede de centros asistenciais e de oficinas de farmacia na Comunidade Autónoma. Este sistema permitiu que, desde febreiro de 2012, máis de 1.200 oficinas de farmacia e máis de 400 centros de saúde estean conectadas ao sistema, beneficiando a máis de 2.500.000 cidadáns, o 100 % da poboación galega.

A implantación progresiva destes sistemas permitiu a súa utilización xeneralizada en todo o sistema sanitario público galego, constituíndose como infraestruturas críticas para garantir a continuidade asistencial e o acceso da cidadanía aos tratamentos prescritos en calquera ámbito de atención e nas oficinas de farmacia.

Con todo, a crecente complexidade da atención sanitaria, o incremento da cronicidade e da polimedicación, a incorporación constante de novos medicamentos e terapias avanzadas, a dispoñibilidade da información clínica, microbiolóxica e farmacoxenómica de alto valor, así como a necesidade de mellorar a seguridade do paciente e os resultados en saúde, fan necesario evolucionar o modelo actual cara a un novo paradigma baseado no apoio activo á decisión farmacoterapéutica. 

Funcións

As actuacións que se deben desenvolver a través deste contrato inclúen un modelo proactivo de axuda á decisión médica, é dicir, a evolución desde sistemas centrados no rexistro e na xestión da prescrición cara a un modelo capaz de analizar de xeito continuo a información clínica farmacoterapéutica dispoñible para xerar alertas, recomendacións, validacións e indicadores que axuden o profesional na toma de decisións.

Tamén a mellora na seguridade farmacoterapéutica, que consiste no reforzo das capacidades de detección e prevención de riscos asociados ao uso de medicamentos, incluíndo interaccións medicamentosas, contraindicacións, duplicidades terapéuticas, problemas de conciliación, adecuación das doses e outras situacións susceptibles de producir eventos adversos.

Así mesmo, establece a estratificación e o seguimento de pacientes de risco coa incorporación de mecanismos de identificación proactiva de pacientes con maior complexidade farmacoterapéutica, polimedicación ou risco potencial asociado aos seus tratamentos, o que permite priorizar actuacións clínicas, revisións farmacoterapéuticas e medidas preventivas.

Por outra banda, o expediente recolle a integración progresiva de información farmacoxenómica e doutras variables clínicas relevantes para adaptar a selección e o uso dos medicamentos ás características individuais de cada paciente, favorecendo tratamentos máis seguros e eficientes.

Do mesmo xeito, integra a información clínica, microbiolóxica e farmacoterapéutica para favorecer un uso máis axeitado dos antibióticos e contribuír á loita contra as resistencias antimicrobianas.

Tamén recolle a consolidación dunha visión integral da medicación do paciente ao longo de todo o proceso asistencial, facilitando a conciliación e o seguimento dos tratamentos entre atención primaria, atención hospitalaria e outros dispositivos asistenciais.

Inclúe, ademais, a evolución dos modelos de dispensación e seguimento, con capacidades avanzadas para a xestión e a ratrexabilidade da dispensa domiciliaria de medicamentos e produtos sanitarios.

Súmase a isto a implantación dunha arquitectura corporativa baseada en estándares abertos que facilite a integración de novas capacidades de axuda activa, a reutilización da información sanitaria e a incorporación futura de novas ferramentas de apoio á decisión clínica.

Engloba, ademais, a automatización, eficiencia e produtividade profesional. Automatización de controis e procesos que actualmente requiren revisións manuais, reducindo a carga administrativa e permitindo que os profesionais dediquen máis tempo a actividades de valor clínico e á atención directa ao paciente.

Por último, integra a garantía de continuidade dos servizos críticos de prestación farmacéutica, mantemento e evolución de plataformas esenciais para a prescrición, validación, dispensación e seguimento dos tratamentos, que constitúen un elemento clave para asegurar o acceso da cidadanía á prestación farmacéutica pública. 

Esta contratación enmárcase e complementa as actuacións que a Consellería de Sanidade puxo en marcha no eido da mellora continua da calidade asistencial e a sustentabilidade económica do sistema sanitario público galego.

Data de actualización: 21/09/2026