A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas visitou hoxe estas actuacións que está a executar a Xunta e que suporán un investimento de preto de 550.000€
Allegue destaca que as novas sendas peonís na estrada AC-542 en Abegondo reforzarán a seguridade nos desprazamentos da veciñanza
A Xunta está a executar dous tramos de senda nesta vía autonómica, un deles en Montouto e o outro en Mabegondo, sumando entre ambos case 1 quilómetro
O treito de Montouto, con 480 metros de lonxitude, facilitará os desprazamentos a pé entre vivendas, comercios e servizos dun xeito máis seguro e sostible
No tramo en Mabegondo, cuxas obras veñen de iniciarse, habilitarase unha senda de 430 metros nunha zona que carece de beirarrúas
Ademais da execución dos treitos de sendas, acometeranse melloras na estrada coma a adecuación de interseccións ou o reforzo de sinalización e iluminación
Estas actuacións enmárcanse no Plan de Sendas de Galicia que está a desenvolver a Xunta, con 300 km executados, que seguirán estendéndose na comunidade
Abegondo (A Coruña), 18 de setembro de 2026
A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, destaca que as novas sendas peonís na estrada AC-542 en Abegondo reforzarán a seguridade nos desprazamentos dos veciños.
A Xunta está a executar dous tramos de senda nesta estrada autonómica, un deles en Montouto e o outro en Mabegondo, sumando entre ambos case 1 quilómetro. Estas intervencións suporán un investimento de preto de 550.000€, que contará con financiamento de Fondos Feder.
Allegue visitou hoxe as obras do tramo de Montouto, que conta con 480 metros de lonxitude. Neste traxecto, o obxectivo é reforzar o carácter urbano desta travesía e facilitar os desprazamentos a pé entre vivendas, comercios e servizos dun xeito máis seguro e sostible.
Neste treito, os traballos avanzan a bo ritmo e actualmente xa está a dispoñerse o bordo na senda.
En relación ao outro treito de itinerario, en Mabegondo, as obras veñen de comezar. Neste caso, habilitarase unha senda cunha lonxitude de 430 metros, nunha zona que carece de beirarrúas.
Ademais dos traballos de construción das sendas, tamén se levarán a cabo outras melloras na estrada coma a adecuación de interseccións ou o reforzo de sinalización e iluminación.
A conselleira indicou que se agarda que as obras de ambos tramos continúen avanzando a bo ritmo para que no outono xa estean finalizadas.
Destacou que a veciñanza destas dúas parroquias contará con itinerarios integrados na paisaxe que permitirán un tránsito máis seguro, sostible e saudable.
Puxo en valor o Plan de Sendas de Galicia que está a desenvolver a Xunta, a través do que leva acometido 300 quilómetros de itinerarios peonís e ciclistas nas marxes das estradas autonómicas, e continúa estendendo esta rede no conxunto da comunidade.