A Xunta apoia con máis de 13.000 euros ao Centro Comercial Aberto de Caldas

O delegado territorial destaca o papel do comercio de proximidade como elemento clave para a actividade económica e a vida dos municipios

Esta liña de axudas busca fomentar as actividades de dinamización do comercio local

Caldas de Reis (Pontevedra), 22 de setembro de 2026

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Pablo Fernández, visitou hoxe o Centro Comercial Aberto de Caldas de Reis, que recibiu unha axuda de máis de 13.000 euros da Xunta no marco das subvencións destinadas ás asociacións de comerciantes sen ánimo de lucro para a dinamización dos centros comerciais abertos e das prazas de abastos de Galicia.

Durante a visita, o delegado puxo en valor o traballo desenvolvido pola asociación para impulsar o comercio local e favorecer a actividade dos establecementos integrados no centro comercial aberto. Neste sentido, destacou a importancia de contar con entidades que contribúan a dinamizar as rúas comerciais e a fortalecer o tecido económico e empresarial dos concellos.

Pablo Fernández sinalou que estas axudas forman parte do compromiso da Xunta co comercio de proximidade, apoiando as iniciativas das asociacións de comerciantes destinadas a mellorar a competitividade dos negocios, atraer clientes e manter viva a actividade comercial dos municipios.

A Xunta mantén así o seu apoio ao comercio local como un sector fundamental para a economía galega e para a xeración de actividade e emprego, especialmente nos núcleos urbanos e nas vilas.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 22/09/2026