A UIFO e o Seprona colaboran para identificar a autoría de numerosos incendios forestais nas Neves

A investigación deu comezo tras rexistrar un incendio forestal en maio, ao que seguiron outras tres incidencias similares nos meses posteriores

A UIFO, dependente da Consellería de Medio Rural, e o Seprona da Garda Civil estableceron un operativo de vixilancia con medios humanos e tecnolóxicos para obter probas sobre a autoría dos feitos

Santiago de Compostela, 25 setembro de 2026

Axentes da Unidade de Investigación de Incendios Forestais (UIFO) da Xunta de Galicia e do o Servizo de Protección da Natureza da Garda Civil (SEPRONA) veñen de poñer en coñecemento da autoridade xudicial sobre unha persoa investigada, veciña do concello de As Neves, como presunta autora de numerosos incendios forestais provocados de maneira intencionada.

As investigacións iniciáronse o 21 de maio de 2026, tras producirse un incendio forestal na zona, e continuaron despois dun segundo incendio rexistrado o 22 de xuño. Logo destes dous lumes, dado o alto potencial de propagación da superficie forestal afectada e o elevado risco para os veciños do lugar de Altamira, os axentes ambientais da UIFO estableceron un operativo de vixilancia con medios humanos, auxiliados de medios tecnolóxicos. Así, o 17 de xullo e o 4 de setembro de 2026, este dispositivo de vixilancia rexistrou dous novos incendios nos que se puideron obter probas sobre a autoría da persoa investigada por estes feitos.

Cómpre destacar tamén a colaboración dos axentes ambientais do Distrito Forestal XVII e dos bombeiros forestais, que participaron de forma activa ao longo de toda a investigación. O seu labor foi especialmente importante no último dos incendios, tanto pola axuda prestada ao dispositivo de investigación como pola súa rápida e eficaz intervención na extinción do lume, que permitiu evitar danos de maior consideración. Dita actuación cobra especial relevancia nun ámbito territorial cunha elevada actividade incendiaria, no que as condicións especiais do terreo e climáticas favorecen propagacións do lume especialmente virulentas e rápidas.

Con esta operación, UIFO e Seprona reiteran o seu compromiso de colaboración na loita contra os incendios forestais, que poñen en grave risco a seguridade das persoas e o  patrimonio natural de Galicia. Asemade, a Consellería de Medio Rural lembra que a UIFO continúa investigando as zonas onde se detecta actividade incendiaria, sen descartar novas dilixencias encamiñadas a esclarecer feitos similares ocorridos.

Agradécese, así mesmo, a colaboración cidadá na detección e denuncia deste tipo de feitos. Está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal. Do mesmo xeito, tamén está dispoñible para a súa descarga ALume, a app para avisar sobre incendios forestais activos en Galicia. Ademais, existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 25/09/2026