Belén do Campo asiste ao Torneo Triangular Solidario de Fútbol 7 feminino organizado pola Garda Civil a favor do Grupo CompostELA

O torneo reuniu seleccións femininas de efectivos da Garda Civil, da Policía Nacional e da Policía Local da Coruña, nunha xornada deportiva e solidaria destinada a contribuír á visibilización e apoio das persoas afectadas pola esclerose lateral amiotrófica (ELA) e das súas familias

A Coruña, 25 de setembro de 2026

A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, xunto a Mati Alvarín, da Asociación Grupo CompostELA,  asistiu esta tarde ao Triangular de Fútbol 7 Solidario feminino, organizado pola Garda Civil a beneficio da asociación Grupo CompostELA, celebrado nos campos de fútbol da Universidade da Coruña, en Elviña.

O torneo reuniu seleccións femininas de efectivos da Garda Civil, da Policía Nacional e da Policía Local da Coruña, nunha xornada deportiva e solidaria destinada a contribuír á visibilización e apoio das persoas afectadas pola esclerose lateral amiotrófica (ELA) e das súas familias.

A competición desenvolveuse en formato triangular, con tres encontros de 25 minutos de duración. O primeiro enfrontamento foi entre a Garda Civil e a Policía Nacional; o segundo, entre a Policía Nacional e a Policía Local da Coruña; e o terceiro, entre a Policía Local e a Garda Civil.

Ademais da competición deportiva, a xornada contou con diferentes actividades e exhibicións para achegar os corpos de seguridade á cidadanía, entre elas demostracións do Servizo Cinolóxico, a presenza de motocicletas de Tráfico e vehículos patrulla, nos que os máis pequenos puideron subir e coñecer de preto os medios cos que traballan os axentes.

A iniciativa incluíu diferentes vías de colaboración económica coa asociación Grupo Compost-ELA. Así, o público puido realizar unha entrada-donativo de cinco euros, de carácter simbólico e con acceso gratuíto para os menores de 10 anos, ademais de participar nunha rifa solidaria con produtos doados por comercios locais.

Tamén se habilitou unha fila cero, mediante unha conta bancaria xestionada pola propia asociación, para aquelas persoas que quixesen colaborar aínda que non puidesen asistir ao evento.

A xornada contou igualmente coa colaboración de empresas locais, que contribuíron aos gastos de organización, como trofeos, auga ou material de difusión, reforzando así o carácter colectivo dunha iniciativa que combina deporte, solidariedade e compromiso social.

Belén do Campo quixo acompañar á Garda Civil, á Policía Nacional, á Policía Local da Coruña e á asociación Grupo CompostELA nesta iniciativa, que puxo de manifesto a capacidade do deporte para unir institucións, corpos de seguridade, tecido empresarial e cidadanía arredor dunha causa solidaria.

Ademais lembrou que a Xunta ten aberta a cuarta convocatoria de axudas autonómicas de 12.000 euros destinadas aos afectados por Esclerose Lateral Amiotrófica (ELA). A Xunta destina 2,1 millóns de euros a esta orde de achegas que son pioneiras no conxunto do país e que se puxeron en marcha por primeira vez no ano 2023.

O prazo de solicitude está aberto ata o 3 de novembro. O obxectivo destas axudas, que son compatibles con calquera outra orde de achegas, é contribuír a sufragar os elevados custos desta enfermidade e, polo tanto, pode empregarse para a adquisición de produtos esenciais, contratación de servizos ou mesmo obras de adaptación na vivenda.

Con esta orde de achegas, o Goberno galego reafirma o seu compromiso con todos os doentes de ELA e as súas familias, despois de moitos anos de traballo para intentar mellorar a súa calidade de vida e axilizar a súa atención. Con todo, a Xunta segue reclamando ao Goberno central que as axudas da Lei ELA sexan para todos os doentes e que poidan utilizarse para o servizo que precisen.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 25/09/2026