A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas visitou a actuación realizada
Allegue pon en valor a colaboración entre Xunta e Concello de Folgoso do Courel para crear un novo vial de acceso ao fondo da vila, a rúa Sandra Rodrigo
Este proxecto acometeuse ao abeiro do Plan Hurbe da Xunta e supuxo un investimento de case 300.000€, financiado polo Goberno galego nun 70% e polo Concello nun 30%
Executouse unha vía de acceso cara a Fondo da Vila, onde se atopan servizos como o albergue, o edificio de usos múltiples ou o museo
Trátase dunha calzada sostida sobre un muro e cunha varanda de madeira que separa a zona peonil da vía, favorecendo a convivencia harmónica e segura entre peóns e vehículos
Tamén se levaron a cabo traballos complementarios como a instalación de drenaxes con sumidoiros en toda a lonxitude da vía e a disposición de sinalización e marcas viarias
Puxo en valor o Plan Hurbe, un programa co que a Xunta colabora cos concellos para mellorar as súas contornas urbanas ou equipamentos públicos
Folgoso do Courel (Lugo), 27 de setembro de 2026
Allegue pon en valor a colaboración entre Xunta e Concello de Folgoso do Courel para crear un novo vial de acceso a Fondo da Vila, a nova rúa Sandra Rodrigo. A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas visitou hoxe estas actuacións realizadas ao abeiro do Plan Hurbe.
Explicou que este proxecto supuxo un investimento de preto de 300.000€, financiado polo Goberno galego nun 70% e polo Concello nun 30%. Ademais a administración local puido financiar a súa achega cun préstamo do Fondo de Cooperación que a Xunta ten para os municipios de menos de 50.000 habitantes.
Construíuse unha vía de acceso cara a Fondo da Vila, onde se atopan servizos como o albergue, o edificio de usos múltiples ou o museo. Allegue remarcou que a actuación executada permitirá “mellorar a conectividade e competitividade deste fermoso concello de Folgoso do Courel”. A rúa levará o nome de Sandra Rodrigo, en recordo ao seu labor para acadar este viario, e o acto de descubrimento da placa constituíu unha homenaxe na súa lembranza e na da súa familia.
A conselleira subliñou obras coma estas impulsadas a través do Plan Hurbe, un programa co que a Xunta colabora cos concellos para mellorar as súas contornas urbanas ou equipamentos públicos.
A intervención
Coa intervención realizada en Folgoso do Courel, executouse unha calzada sostida en parte sobre un muro de contención e colocouse na marxe unha varanda de madeira que separa a zona peonil da vía, favorecendo así unha convivencia harmónica e segura entre peóns e vehículos.
Tamén se levaron a cabo traballos complementarios como a instalación de drenaxes con sumidoiros en toda a lonxitude da vía, conectados a un colector xeral; e a disposición de sinalización vertical e marcas viarias.