A Xunta impulsa hoxe e mañá en Chantada un obradoiro sobre o emprego de pinturas naturais na construción

O delegado territorial de Lugo, Alfonso Villares, visitou aos participantes no taller, que esgotou as prazas dispoñibles

O obxectivo é dar a coñecer a riqueza dos pigmentos naturais autóctonos de cada territorio e o seu uso construtivo

O curso está impartido por Luis Prieto, mestre artesán da construción vernácula, e dá continuidade ás xornadas sobre arquitectura tradicional que se celebraron a pasada fin de semana

Chantada (Lugo), 28 de setembro de 2026

A Xunta, a través da Fundación Pública Artesanía de Galicia, impulsa hoxe e mañá en San Cristovo de Mouricios (Chantada) o obradoiro As cores naturais na construción actual, para dar a coñecer a riqueza dos pigmentos naturais autóctonos de cada territorio e a evolución do seu uso ao longo do tempo.

O delegado territorial de Lugo, Alfonso Villares, visitou hoxe aos participantes na actividade, que esgotou as prazas dispoñibles. O encargado de impartila é Luis Prieto,   mestre artesán da construción vernácula, especializado en estucos de cal e xeso artesanais, en revestimentos tradicionais con pigmentos de orixe natural e na arqueoloxía experimental.

O programa céntrase no estudo das terras naturais; óxidos e as súas diferenzas;  extracción e elaboración de materias colorantes; moído de pigmentos e o uso da cor. Complétase cunha parte práctica de elaboración de pintura con diferentes elementos como madeira, leite, ovo, sodio ou cal, para crear un mostrario de materiais e técnicas que lles sirva de guía aos participantes.

O curso está enfocado a visibilizar as técnicas de elaboración dos materiais coloreados para aplicar en construción, o que resulta máis sostible, estético e humano, e permite preservar o vínculo coa identidade paisaxística local.

O taller dá continuidade ás xornadas Oficio, arquitectura e territorio, que se desenvolveron durante esta fin de semana no mesmo lugar. O obxectivo é crear un espazo de encontro entre a arquitectura e os oficios ligados á construción, así como incidir na relación das culturas construtivas co carácter propio de cada territorio.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 28/09/2026