A Unidade de Policía Nacional Adscrita de Galicia levanta cinco actas de infracción en dispositivos de prevención de consumo de alcohol por menores en Rianxo e na Pobra do Caramiñal
No marco destes operativos, os axentes identificaron tamén 145 persoas
Santiago de Compostela, 29 de setembro de 2026
Axentes da xefatura da Unidade de Policía Nacional Adscrita de Galicia (UPA) en Santiago de Compostela levaron a cabo neste mes de setembro dispositivos de prevención de consumo de alcohol por menores de idade nas festas do Nazareno na Pobra do Caramiñal e nas festas de Guadalupe en Rianxo. Como resultado dos dispositivos, os axentes levantaron cinco actas de infracción e identificaron 145 persoas.
O dispositivo da Pobra do Caramiñal desenvolveuse os días 19 e 21 de setembro, datas nas que se realizaron 18 inspeccións en establecementos e zonas de lecer frecuentadas por menores. Como resultado das inspeccións, nas que se identificaron 56 persoas, os axentes levantaron catro actas de infracción por mor de actuacións vencelladas á protección da saúde das persoas menores e prevención de condutas aditivas.
No que respecta ao dispositivo das festas de Guadalupe en Rianxo, efectuáronse 24 inspeccións nas que se identificaron 89 persoas e nas que os axentes levantaron unha acta de infracción.
A actividade dos axentes céntrase sobre todo en tarefas de inspección a locais e control e vixilancia das zonas de ocio frecuentadas por menores de idade. Os obxectivos pasan por acadar que os establecementos se axusten á normativa en materia de alcohol e tabaco, pero tamén moi especialmente que os menores de idade adopten pautas de conduta saudables, evitando o consumo destes produtos a idades temperás polas importantes repercusións para a saúde que teñen estes consumos na mocidade.