A Xunta destaca as fortalezas de Galicia para posicionarse nunha industria estratéxica como a da seguridade, defensa e aeroespazo

A directora xeral de Estratexia Industrial e Solo Empresarial, Margarita Ardao, participa na nova edición de Eudis Madrid Bootcamp

Pon en valor o apoio e acompañamento do Goberno galego ás empresas do sector que deciden incorporarse aos novos nichos de mercado a través da Iniciativa Estratéxica en Seguridade, Defensa e Aeroespazo (Iesda)

Lembra que o prazo da convocatoria dos acordos de asociación para desenvolver grandes proxectos industriais de tecnoloxías duais que se fabriquen en Galicia remata mañá, 30 de setembro

Madrid, 29 de setembro de 2026

A directora xeral de Estratexia Industrial e Solo Empresarial, Margarita Ardao, destacou esta mañá en Madrid as fortalezas de Galicia para posicionarse nunha industria estratéxica e cun grande potencial de crecemento como é a da defensa. Nesta sentido, puxo en valor o apoio e acompañamento que está a facer o Goberno galego a aquelas empresas do sector que deciden incorporarse nestes novos nichos de mercado a través da Iniciativa Estratéxica en Seguridade, Defensa e Aeroespazo (Iesda).

Ardao participou na mesa redonda Regional Defense celebrada no marco da nova edición Eudis Madrid Bootcamp para analizar o papel clave que desempeñan as comunidades autónomas no fortalecemento da base industrial de defensa, na atracción de investimento, o desenvolvemento de infraestruturas e a integración das capacidades rexionais na cadea de valor europea.

Precisamente, no marco da Iesda, a Xunta lanzou unha convocatoria para seleccionar novos socios estratéxicos e tecnolóxicos para o desenvolvemento de tecnoloxías duais nos ámbitos da seguridade, a defensa e o aeroespazo. A iniciativa, que se desenvolverá a través da fórmula da Compra Pública Precomercial, terá unha partida inicial de 40 millóns de euros e mantén aberto o prazo para presentar solicitudes de participación ata mañá, 30 de setembro. “Con esta actuación queremos que o coñecemento quede no territorio, que as empresas galegas entren nas cadeas de subministración e que cada investimento deixe detrás capacidade produtiva permanente”, apuntou.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 29/09/2026