A Xunta pon de relevo o seu compromiso co impulso da empregabilidade das persoas con trastornos mentais
Santiago de Compostela, 29 de setembro de 2026
A directora xeral de Formación e Cualificación para o Emprego, Zeltia Lado, participou hoxe na Xornada internacional sobre saúde mental e emprego impulsada pola Federación de asociacións de familiares e persoas con enfermidade mental de Galicia (Saúde Mental Feafes Galicia). No acto no que tamén estivo a subdirectora xeral de Atención á Saúde Mental do Servizo Galego de Saúde, Almudena Díaz, Lado puxo en valor os programas integrados de emprego, de orientación laboral ou de emprego con apoio na entidade cos que vén colaborando a Xunta, especialmente en beneficio da mocidade.
Nese senso, a directora xeral considerou prioritario facilitar o acceso ao mercado laboral das persoas con trastornos mentais, garantindo formación adaptada e o acompañamento durante o proceso de incorporación aos postos de traballo. Aproveitou para salientar a oportunidade que brinda a xornada de hoxe —no marco dunha visita de estudo coordinada pola Plataforma de Aprendizaxe de Políticas do programa de cooperación interrexional Interreg Europa— para intercambiar experiencias e boas prácticas a prol da inclusión sociolaboral destas persoas, con representantes institucionais e persoal técnico tanto da rexión polaca de Pomerania como doutros países europeos.