A Xunta amplía á costa suroeste da Coruña e a todo o litoral de Pontevedra a alerta laranxa por temporal costeiro, xa activa na costa oeste coruñesa
Nas zonas afectadas suspéndese a actividade deportiva do programa Xogade e federada no mar, coas excepcións establecidas no protocolo publicado na web de Deporte Galego
Tamén se suspenden por un fenómeno adverso de chuvia e vento as actividades escolares no exterior e a actividade deportiva federada e do programa Xogade no exterior, agás os deportes náuticos e acuáticos federados
Incídese na importancia de seguir as medidas de protección e de extremar as precaucións, e aconséllase consultar a páxina web do CIAE 112 (www.axega112.gal)
Coa fin de garantir a seguridade dos bens e as persoas, o Goberno galego informou da situación aos concellos da provincias afectadas; deputacións, servizos provinciais e agrupacións de voluntarios de Protección Civil e aos clubs náuticos, entre outros
Santiago de Compostela, 29 de setembro de 2026
A Xunta amplía ao suroeste da Coruña e a todo o litoral de Pontevedra a alerta laranxa que xa estaba activa na costa oeste coruñesa. Coa fin de garantir a seguridade dos bens e as persoas, a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, informou da situación a través do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galicia aos concellos da provincias afectadas; deputacións, servizos provinciais e agrupacións de voluntarios de Protección Civil e aos clubs náuticos, entre outros.
Segundo a Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet), o fenómeno meteorolóxico adverso que está a afectar o litoral oeste da Coruña estenderase a partir do mediodía ao suroeste do litoral coruñés a toda a costa de Pontevedra, con vento de compoñente sur forza 8.
Suspéndese, polo tanto, a actividade deportiva do programa Xogade e federada no mar nas zonas afectadas por esta alerta laranxa, agás as excepcións establecidas no protocolo de alertas publicado na web Deporte Galego.
A Xunta lembra a importancia de manterse afastado da liña de costa, isto é, diques, rompentes e paseos marítimos. Tamén que se extremen as medidas de seguridade á hora de realizar calquera actividade no mar e que se revisen os cabos e amarres das embarcacións.
Por outro lado, cómpre recordar que a Xunta activou tamén para hoxe a alerta laranxa por chuvias no oeste e suroeste da provincia da Coruña. Segundo a Aemet, as precipitacións acumuladas poden acadar os 80 mm en 12 horas.
Ante as fortes chuvias recoméndase circular con precaución e informarse antes do estado das estradas, non atravesar zonas inundadas ou que poidan chegar a asolagarse e non aparcar nas ribeiras dos ríos.
Debido ao fenómeno meteorolóxico adverso de nivel laranxa por acumulación da chuvia e por vento, a Comisión Escolar de Alertas acordou a suspensión da actividade no exterior partir das 12,00 horas de hoxe, martes, ata as 00,00 horas de mañá mércores nos centros educativos e nas escolas infantís das zonas Oeste e Suroeste da provincia de A Coruña.
Os concellos afectados pola suspensión son na zona Oeste: Camariñas, Carnota, Cee, Corcubión, Dumbría, Fisterra, Mazaricos, Muxía, Vimianzo e Zas. Na Suroeste: Boiro, Dodro, Lousame, Muros, Noia, Outes, Padrón, A Pobra do Caramiñal, O Porto do Son, Rianxo, Ribeira e Rois.
Do mesmo xeito, a Secretaría Xeral para o Deporte da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, segundo as previsións dos órganos preditores, anunciou a suspensión da actividade deportiva federada e as do programa Xogade, agás os deportes náuticos e acuáticos federados que se realicen hoxe no exterior nestas zonas. Os concellos afectados e os horarios de vixencia da alerta pódense consultar na web Deporte Galego.
Aconséllase consultar a páxina web do CIAE 112 (www.axega112.gal), que conta con información meteorolóxica e con ligazóns de interese.