A Xunta participa na reunión das unidades de coordinación do POCTEP no concello de Lobios
O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, asistiu á apertura da 10ª convocatoria do programa
Lobios (Ourense), 29 de setembro de 2026
O director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, Jesús Gamallo, participou en Lobios na apertura da reunión das Unidades de Coordinación do POCTEP. Forman parte da xuntanza as comunidades autónomas e as rexións portuguesas da fronteira, así como o Ministerio de Facenda español e a Agència para o Desenvolvimento e a Coesão portuguesa.
A reunión coincide co lanzamento da 10ª convocatoria do programa, na que se prevén investir como mínimo 28 millóns de euros, incluída unha dotación inicial de 21 millóns de fondos INTERREG.
A convocatoria estará aberta desde hoxe ata as 14,00 horas do martes 17 de novembro. Poderán participar nela as administracións públicas, entidades locais, universidades, centros tecnolóxicos, fundacións e institutos de investigación, empresas, cámaras de comercio e agrupacións europeas de cooperación territorial de toda a área do programa POCTEP, no que está incluído o territorio galego.
Esta convocatoria súmase á novena, que está destinada a entidades xestoras de fondos de pequenos proxectos cunha dotación de 10 millóns de euros e que está aberta ata o 21 de outubro.