A directora xeral de Promoción da Igualdade, Eloína Ingerto, participou hoxe na Coruña nunha xornada organizada pola Fundación Acougo

A Xunta sinala que Galicia é referente en políticas de conciliación e corresponsabilidade

Eloína Ingerto salienta o impacto positivo de medidas como as axudas á redución da xornada, a gratuidade das escolas infantís, o Bono Concilia Familia ou o Plan Corresponsables

A Coruña, 1 de outubro de 2026

A directora xeral de Promoción da Igualdade, Eloína Ingerto, puxo en valor hoxe as políticas de conciliación e de corresponsabilidade da Xunta, que fan de Galicia unha comunidade de referencia neste ámbito. Díxoo nas xornada de corresponsabilidade entre o terceiro sector e a empresa Tecendo coidados, construíndo alianzas, impulsada pola Fundación Acougo (Asociación Galega de Familias de Acollida) e que se celebrou no Club Empresarial Nordés.

Eloína Ingerto destacou a importancia deste tipo de encontros para compartir experiencias e concienciar ao conxunto da sociedade sobre a necesidade dun reparto equitativo entre mulleres e homes das tarefas nos coidados, para que estas non recaian principalmente nas mulleres. Ademais, incidiu en que tanto as administracións, como as empresas e as entidades “poden sumar moito desde os seus ámbitos ao fomento da  corresponsabilidade e a igualdade”. 

Ao respecto, a directora xeral destacou a aposta do Goberno galego por medidas que están a ter un impacto moi positivo, como as axudas á redución da xornada, a gratuidade das escolas infantís, o Bono Coidado Familia ou o Plan Corresponsables. Sobre este último plan, lembrou que a Xunta destina este ano sete millóns de euros a financiar actividades de conciliación corresponsable que organizan de Concellos, ANPAS e entidades sociais, tales como: campamentos, servizo de madrugadores, actividades de ocio e formativas, etc.

Ademais dunha mesa debate sobre a conciliación na que se expuxo a visión sobre este tema de empresas, administración e terceiro sector; a xornada incluíu a proxección da curtametraxe No me da la vida, de Virginia Mosquera.

Data de actualización: 01/10/2026