Román Rodríguez destaca a importancia da visita da Premio Nobel Anne L’Huillier para o ecosistema de I+G+i
Santiago de Compostela, 1 de outubro de 2026
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, saudou hoxe á Premio Nobel de Física 2023, Anne L’Huillier, que está a coñecer estes días parte do ecosistema da I+G+i, a investigación e innovación feita desde Galicia. O titular do departamento de Ciencia da Xunta puxo en valor o traballo de todos os axentes científicos na nosa Comunidade e agradeceu a L’Huillier esta visita, “que de seguro vai ser moi frutífera para Galicia e, agardamos tamén, para esta ilustre investigadora”, dixo.
O conselleiro quixo tamén felicitar ao profesor Jorge Mira, director do Programa ConCiencia da Universidade de Santiago de Compostela e o Consorcio de Santiago ao abeiro do que L’Huillier visita a nosa Comunidade, polo éxito desta iniciativa “que cada ano trae a Santiago aos científicos máis destacados, o que supón unha oportunidade única para o crecemento da ciencia en Galicia”. A maiores do encontro de hoxe co conselleiro, a directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo, moderará mañá unha mesa coa Premio Nobel e mulleres investigadoras.