A Xunta apoia con preto de 110.000 euros a mellora da eficiencia enerxética do balneario de Mondariz

Na provincia de Pontevedra máis de 50 establecementos turísticos se beneficiaron destas axudas por un importe que supera os 3,2 millóns de euros

As axudas, dotadas con 9 millóns de euros no conxunto da comunidade, permitiron apoiar dous establecementos do Condado-Paradanta

Mondariz Balneario (Pontevedra), 1 de outubro de 2026

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Pablo Fernández, visitou hoxe o Balneario de Mondariz, beneficiario das axudas da Xunta para a mellora da eficiencia enerxética nos establecementos turísticos galegos.

En concreto, o Balneario de Mondariz recibiu preto de 110.000 euros ao abeiro desta liña de axudas, que permitiron acometer diferentes actuacións, entre elas a renovación da iluminación, a substitución de electrodomésticos e a incorporación de sistemas de automatización.

Durante a visita, o delegado territorial puxo en valor o compromiso da Xunta co sector turístico e coa modernización dos seus establecementos, facilitando investimentos que contribúen tanto á mellora da súa competitividade como á redución do consumo enerxético.

A convocatoria conta cunha dotación global de 9 millóns de euros para o conxunto de Galicia. No caso da provincia de Pontevedra, son máis de 50 os establecementos turísticos beneficiarios, cun investimento apoiado pola Xunta que supera os 3,2 millóns de euros.

No ámbito do Condado-Paradanta, as axudas permitiron apoiar dous establecementos: o propio Balneario de Mondariz e a Rectoral de Fofe, en Covelo.

O delegado territorial salientou que este tipo de investimentos permiten avanzar cara a un modelo turístico máis eficiente e sostible, ao tempo que axudan aos establecementos a reducir custos e a ofrecer un mellor servizo aos seus clientes.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 01/10/2026