A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, asistiu hoxe ás X Xornadas de portas abertas de AD Grupo Regueira

Lorenzana destaca a importancia da formación especializada fronte ao avance da electrificación no sector da automoción

Recoñece o labor de empresas como o Grupo Regueira, baseado en ofrecer aos talleres un servizo integral onde, ademais da asistencia técnica, a formación é clave

Asegura que Galicia ten motivos para sentirse orgullosa do seu ecosistema da industria da automoción, porque está sabendo situarse á vangarda grazas á súa capacidade responder ás novas demandas do mercado

Apunta que en 2025 o sector alcanzou un récord de facturación de 13.300 M€ e que representa o 12 por cento do emprego industrial en Galicia

A Coruña, 3 de outubro de 2026

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, asistiu hoxe ás X Xornadas de portas abertas de AD Grupo Regueira, en ExpoCoruña, onde destacou hoxe a importancia da formación especializada fronte ao avance da electrificación no sector da automoción.

Segundo dixo, a dixitalización, a conectividade e os novos modelos de mobilidade están transformando profundamente esta industria e, nese sentido, recoñeceu o labor de empresas como o Grupo Regueira baseado en ofrecer aos talleres un servizo integral onde, ademais da asistencia técnica, a formación é clave.

Lorenzana asegurou que Galicia ten motivos para sentirse orgullosa do seu ecosistema da industria da automoción, un sector que esta sabendo situarse á vangarda grazas á capacidade de empresas e profesionais para reinventarse continuamente e responder ás novas demandas do mercado, afirmou.

Estas xornadas, concluíu, demostran que o éxito deste sector non depende unicamente da súa capacidade produtiva, senón tamén “da súa capacidade para aprender, colaborar e anticiparse aos cambios”.

En 2025, o sector galego da automoción alcanzou a cifra récord de facturación de 13.300 millóns de euros, un 5 por cento máis que o ano anterior, cun aumento, tamén, das cifras de emprego: 23.900 postos de traballo directo; o 12 % do emprego industrial en Galicia.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 03/10/2026