Belén do Campo destaca o investimento de máis de 86.000 euros para mellorar as infraestruturas rurais no concello de Ordes dentro da orde do Plan Camiña 25-26

Belen do Campo  comprobou hoxe o resultado da actuación levada a cabo de mellora do firme de do desvío a Castro ata o límite con Mesía

Ordes (A Coruña), 2 de outubro de 2026

A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, xunto ao alcalde de Ordes, José Luis Martínez, e a directora territorial da Consellería de Medio Rural, Nieves Mancebo, salientou hoxe, nunha visita ao concello o investimento de máis de 86.000 euros para a mellora de infraestruturas rurais nesta localidade. En concreto, comprobou o resultado das obras executadas de renovación do firme do desvío a Castro ata o límite con Mesía. Ademais, a delegada informou que na orde da convocatoria para 26-27, o concello ten aprobado outro proxecto que conta cun orzamento máximo de máis de 84.300 euros. Neste senso, o alcalde destacou que con este investimento se que dará continuidade, ao viario visitado hoxe, mellorando tramo entre O Casal e A Armada que se iniciará en breve.

Os traballos desenvolvéronse ao longo dun quilómetro da estrada, cun ancho de 6,75 metros, e incluíron a limpeza das gabias situadas a ambas as dúas marxes e a renovación da capa de rodaxe de toda a plataforma. Antes da aplicación do novo firme, procedeuse á reparación dos baches existentes. A actuación completouse coa aplicación dunha capa de 5 centímetros de aglomerado en quente en toda a plataforma, co obxectivo de mellorar a regularidade e a durabilidade do firme.

Ademais, os traballos incluíron o recrecido de 15 pozos de rexistro, a execución da nova sinalización horizontal, co pintado das liñas de bordo e de eixo, así como a colocación dun novo sinal de STOP.

A representante do Goberno autonómico lembrou que na provincia da Coruña, na última convocatoria 25-26, recibiron estas achegas 86 concellos con axudas por importe de case 5,6 millóns de euros e na comarca de Ordes 6 municipios, Ordes, Oroso, Frades, Tordoia, Touro e Trazo, con achegas de preto de 442.000 euros.

Durante a visita, Belén do Campo destacou a importancia de continuar actuando sobre as estradas para garantir unhas vías máis seguras, cómodas e adecuadas ás necesidades de mobilidade da veciñanza, especialmente nos ámbitos rurais.

A delegada fixo fincapé na importancia deste tipo de apoios ás entidades locais, que se poden beneficiar destas achegas, xa que contribúen a mellorar unhas vías de comunicación que son “estratéxicas” na dinamización social e económica do agro galego ao vertebrar o territorio.

Plan Camiña Rural

Durante a visita, a representante do Goberno autonómico destacou a aposta do Goberno galego polo Plan Camiña Rural, que subvenciona a ampliación ou mellora de camiños que forman parte da rede viaria de acceso a unha ou varias entidades de poboación. De feito, a última convocatoria correspondente ás anualidades 2026-2027, volve a contar cun orzamento de preto de 19 millóns de euros en concorrencia non competitiva.  Os concellos desta comarca Ordes, Oroso, Frades, Tordoia, Touro e Trazo, contan na convocatoria cun investimento asignado máximo de máis de 372.300 euros.

Desde o ano 2016 a Xunta actuou en toda Galicia en case 6.700 camiños, cunha lonxitude total de arredor de 5.200 quilómetros e un importe de axudas de preto de 156 millóns de euros. Neste sentido, Belén do Campo reafirmou a súa aposta pola colaboración institucional e o apoio aos concellos para mellorar as súas infraestruturas, o que redunda en beneficio da mobilidade da veciñanza e facilita tamén dar saída aos produtos agroalimentarios.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 02/10/2026