A Xunta destaca a campaña extraordinaria ‘Redondela no Camiño’ para reforzar a conexión entre o comercio e a historia da vila

O director xeral de Comercio e Consumo participou na presentación da iniciativa da Asociación de Empresarios de Redondela, unha das cinco propostas adicionais apoiadas polo Goberno galego no marco das axudas aos centros comerciais abertos

A programación, que se desenvolverá os días 23 e 24 de outubro, incluirá unha feira de establecementos e produtos locais, unha exposición sobre a historia comercial da vila e diversas actividades culturais e de ocio

Redondela (Pontevedra), 2 de outubro de 2026

O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, acompañado pola delegada da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, participou hoxe en Redondela na presentación da campaña extraordinaria Redondela no Camiño, promovida pola Asociación de Empresarios de Redondela, que se desenvolverá os días 23 e 24 de outubro. A iniciativa forma parte das cinco campañas extraordinarias apoiadas pola Xunta este ano para as entidades mellor valoradas na convocatoria na que se apoiaron un total de 56 centros comerciais abertos de toda Galicia cun investimento global superior aos 2,35 M€. A estas cinco propostas o Executivo autonómico destinará un importe total próximo aos 100.000 euros, como recoñecemento á súa calidade, capacidade de innovación e impacto no territorio.

O director xeral destacou a capacidade de Redondela no Camiño para vincular a actividade comercial coa historia, o patrimonio e a identidade da vila, aproveitando a súa posición estratéxica como punto de confluencia das dúas variantes do Camiño Portugués, a Central e a da Costa. Neste sentido, puxo en valor unha iniciativa que busca converter o fluxo de peregrinos e visitantes nunha oportunidade para dar visibilidade ao comercio de proximidade e favorecer novas sinerxías entre os diferentes sectores económicos e sociais.

A programación desenvolverase ao longo da zona comercial da localidade e terá entre os seus principais eixes unha feira con presenza de establecementos de diferentes sectores, produtos locais e artesanía, así como propostas e colaboracións entre negocios que permitirán crear novas sinerxías e favorecer a circulación de público polos diferentes establecementos participantes.

A campaña contará tamén coa exposición ao aire libre Redondela: a historia comercial da vila, situada na praza de Ponteareas, que fará un percorrido pola evolución do comercio local a través de fotografías históricas, paneis explicativos e elementos vinculados ao patrimonio comercial da vila.

As actividades completaranse con propostas de ocio infantil, accións culturais, demostracións, talleres e intervencións artísticas distribuídas ao longo da zona comercial, co obxectivo de crear un ambiente dinámico e participativo que favoreza a interacción entre comercio, cultura, patrimonio e cidadanía. Incluirá ademais diferentes accións de promoción como descontos, vantaxes, premios e sorteos.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 02/10/2026