O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración deu a benvida hoxe en Oroso ás persoas participantes na décima edición das bolsas BEME, coas que realizou un treito do Camiño

A Xunta consolida o próximo curso a convocatoria de 250 Bolsas Excelencia Mocidade Exterior tras ter concedido case 2.000 nunha década con máis de 18 M€

Ante as bolseiras e bolseiros deste curso 2026-2027, José González valora a iniciativa que promove mestrados nas tres universidades públicas para impulsar o retorno, a atracción de talento cualificado e o progreso demográfico e socioeconómico de Galicia

Salienta que as persoas beneficiarias das BEME teñen 29 anos de media, unha idade de pleno desenvolvemento profesional que aumenta as posibilidades de integración laboral —tanto por conta propia como allea— e o seu establecemento na Comunidade

Apunta que proceden de máis de 40 países entre os que destacan os de Iberoamérica, coa Arxentina á cabeza, seguida de Venezuela, O Uruguai, O Brasil, Cuba e México

As BEME enmárcanse na Estratexia Galicia Retorna, con máis de 100 medidas entre as que se inclúen as oficinas de atención ao retorno na Comunidade, así como o acompañamento previo nas delegacións no exterior e centros galegos

Oroso (A Coruña), 3 de outubro de 2026

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, recibiu hoxe as persoas participantes na décima edición das Bolsas Excelencia Mocidade Exterior (BEME), procedentes sobre todo da Arxentina, pero tamén do Brasil, Cuba, O Uruguai, Venezuela, Reino Unido, Portugal, Italia e Alemaña. Poñendo en valor a súa formación, talento e ganas de conectar coas súas raíces, adiantou a convocatoria no vindeiro curso de 250 bolsas máis, tras terse concedido case 2.000 desde que arrancou a iniciativa hai unha década, cun orzamento de case 18,3 M€.

No acto celebrado en Oroso —no que tamén participou o secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, e que se celebrou tras realizar un treito do Camiño Inglés—, o conselleiro salientou que un 60 % das persoas que se benefician das BEME para cursar mestrados nas tres universidades públicas galegas son mulleres. Sobre a idade, teñen unha media de 29 anos, un momento de pleno desenvolvemento profesional que aumenta as súas posibilidades de integración laboral. Nesa liña, sinalou que nos 10 anos que cumpre a iniciativa elixiron másters de todas as ramas, o que supuxo atraer perfís moi diversos ao mercado de traballo

En canto á procedencia, proveñen de máis de 40 países, principalmente de Iberoamérica, como no curso vixente. Cabe engadir que preto do 80 % das bolseiras e bolseiros BEME deciden quedar en Galicia tras cursar os mestrados e o 90 % recomenda a experiencia. 

Na súa intervención, José González fixo fincapé en que estas bolsas non son só unha achega económica para estudar, senón que se persegue que as persoas beneficiarias poidan quedar a vivir e traballar en Galicia, por conta allea ou emprendendo. Así, ponse ao seu alcance unha ampla batería de axudas e recursos, como o acompañamento a través das oficinas de atención ao retorno na Comunidade, tras o acompañamento previo nas delegacións no exterior e centros galegos. Tamén a titorización e formación específica para favorecer a súa inserción no mercado laboral galego ou o apoio ao emprendemento a través da Rede de polos ou do programa Merlo, un servizo de mentorización dirixido a emprendedores retornados que complementa as achegas ao Retorno Emprendedor.

Estratexia Galicia Retorna

Todo no marco, dixo, da Estratexia Galicia Retorna, que conta con máis dun cento de medidas avaladas por máis de 450 M€. Para ir máis aló, o conselleiro puxo de relevo unha das reclamacións ao Goberno central pendentes: unha vía específica e áxil de homologación de títulos para os beneficiarios das BEME, coordinada entre a Xunta, as tres universidades públicas galegas e o Ministerio. Unha medida, explicou, que podería estenderse logo a todas as persoas que precisen homologar os seus títulos, en liña coas recomendacións europeas, favorecendo así a integración laboral, a mobilidade e a competitividade económica.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 03/10/2026