A Xunta colabora con Traxandaina no proxecto ‘Cultura e tradición no camiño’, que se celebra no marco do San Froilán
O delegado territorial de Lugo, Alfonso Villares, visitou hoxe os primeiros obradoiros previstos na programación, que se desenvolverá na Tinería ata o domingo 11 de outubro
Lugo, 4 de outubro de 2026
A Xunta de Galicia colabora coa décima edición do proxecto “Cultura e tradición no Camiño”, que organiza o Grupo etnográfico Traxandaina no marco das festas de San Froilán. Desenvolverase desde hoxe ata o domingo 11 de outubro no Espazo Relembra e na contigua Oficina de Turismo e Centro de Interpretación do Camiño da Xunta, situados no barrio da Tinería.
A iniciativa conta co apoio de Artesanía de Galicia e comprende obradoiros formativos, demostracións de oficios tradicionais e actuacións musicais, ademais de integrar as exposicións de corozas, traballos de tear e vestimenta tradicional.
O delegado territorial da Xunta en Lugo, Alfonso Villares, visitou os talleres e destacou a participación de tres profesionais adheridos á marca Artesanía de Galicia en varias actividades ao longo desta semana.
Así, Alvaro M. Leiro impartiu hoxe a primeira das formacións previstas sobre cestería de colmo, e Susi Gesto empezará o xoves as de ourivería. Inés Rodríguez, de RIR&CO Diseño Textil, presentará o mércores un taller sobre tinxiduría tradicional, e xoves e venres dous dedicados ao tapiz.
Igualmente, haberá obradoiros de cestería de vimbio e bordado tradicional de agremán, e demostración de elaboración de candeas e de fiado a man e escarpiños de agullas. A última xornada estará dedicada ao Camiño e na clausura participará a Asociación Cultural Camiño Primitivo de Baleira.