Medio Rural confirma que as principais medidas fronte o desperdicio alimentario estarán operativas este ano

Así o trasladou esta mañá o director xeral da PAC e do Control da Cadea Alimentaria, Juan José Cerviño, na súa comparecencia a petición propia na Comisión 7ª do Parlamento

Cerviño fixo tamén balance do programa de froita e leite nas escolas, dando conta de que no pasado curso beneficiou 296 centros educativos e máis de 77.100 alumnos

Pola súa banda, o director xeral de Defensa do Monte, Manuel Francisco, sinalou que as 42 brigadas da empresa pública Seaga incorporadas este verán na tempada de alto risco de incendios constitúen un reforzo puntual do dispositivo ordinario da Xunta

O director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, indicou que das preto de 2.000 solicitudes de axuda recibidas pola vaga de lumes do pasado ano, xa se tramitaron case 1.500, o que supón mobilizar arredor de 11,6 M€

Santiago de Compostela, 2 de outubro de 2026

As principais medidas desenvolvidas pola Xunta para a prevención de perdas e loita contra o desperdicio alimentario estarán operativas e a disposición dos distintos sectores implicados antes de que remate o ano. Así o manifestou esta mañá no Parlamento o director xeral da PAC e do Control da Cadea Alimentaria, Juan José Cerviño, quen compareceu, a petición propia, para explicar o contido e alcance desta iniciativa posta en marcha polo Goberno galego.

O director xeral defendeu a necesidade de traballar neste eido porque “detrás de cada un dos alimentos que chegan ás nosas mesas hai moito traballo realizado polas persoas, ademais de todos os recursos necesarios para producilos”. Nesta liña, Cerviño debullou as diferentes actuacións e medidas adoptadas no eido internacional, da Unión Europea, de España e de Galicia para loitar contra o desperdicio.

No caso galego, lembrou a Estratexia da Xunta, que se materializa nunha serie de iniciativas das que a maior parte xa están en marcha. Así, destacou as campañas de sensibilización, a creación dun selo que identifique os establecementos concienciados, que xa foi presentado este mesmo luns nun acto presidido pola conselleira do Medio Rural, María José Gómez, e no que se fixo entrega simbólica do distintivo ao restaurante O Balado, de Boqueixón.

Tamén se referiu á realización de enquisas para diagnosticar a dimensión das perdas en Galicia, xa en proceso; a creación dunha páxina web específica no portal de Medio Rural, que se está ultimando cos retoques técnicos finais; á elaboración dun manifesto contra o desperdicio alimentario, xa redactado; ou á preparación dunha ficha informativa sobre a diferencia entre “data de consumo preferente” e “data de caducidade”, que xa está elaborada e que se publicará tan pronto se active a devandita web. Outras medidas en proceso son a creación dunha distinción anual a empresas e entidades en recoñecemento de boas prácticas nesta materia, a celebración do Día da cociña de aproveitamento en restaurantes de prestixio ou o lanzamento dunha iniciativa de elaboración de receitas de aproveitamento nas escolas de hostalaría de Galicia e centros de formación.

Balance do programa de leite e frota nas escolas

Por outra banda, en resposta a unha pregunta sobre o tema, Cerviño fixo balance dos resultados do programa de leite e froita nas escolas de Galicia. Así, trasladou que no pasado curso 2025-2026 atendéronse por parte da Xunta 296 centros educativos e máis de 77.100 alumnos. Sobre o presente curso escolar, o director destacou a novidade de que os colexios solicitantes tan só teñen que indicar o alumnado participante e os días a repartir, sen necesidade de pedir cantidades concretas de froita e leite. Deste xeito, para adxudicar as axudas, repartirase o montante orzamentado entre os solicitantes, de maneira proporcional ao número de racións (alumnado multiplicado por días) solicitados por cada centro. Así, agárdase que a adxudicación sexa máis equitativa e evite que queden cantidades sen gastar. Engadiu que o orzamento para este ano supera os 964.000 euros.

Cara ao futuro, Cerviño advertiu que este programa europeo terá que competir polo seu financiamento con outros proxectos, tendo en conta a arquitectura das novas políticas comunitarias para o agro, que integran esta intervención, como a maioría das do segundo piar, nun fondo único e fóra do sobre protexido para a PAC. Polo tanto, para o director “todo parece indicar que, tras o ano 2027, este programa cambiará, pero teremos que agardar ata entón para apreciar a magnitude do cambio”.

Reforzo do dispositivo contra incendios forestais

Pola súa banda, o director xeral de Defensa do Monte, Manuel Francisco, sinalou que as 42 brigadas da empresa pública Seaga incorporadas este verán na tempada de alto risco de incendios constitúen un reforzo puntual, intensivo, temporal, selectivo e adaptable do dispositivo ordinario da Xunta.

Segundo explicou o director, a finalidade técnica é incrementar a capacidade de resposta no período de máximo risco, reducir os tempos de intervención, reforzar o ataque inicial, mellorar a detección temperá e apoiar os labores de extinción, remate e saneamento. Asemade, destacou que todas as brigadas chegaron a estar operativas e que se acadaron as 181 contratacións previstas.

Axudas pola vaga de lumes de 2025

Pola súa banda, o director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, indicou que das preto de 2.000 solicitudes de axuda recibidas pola vaga de lumes do pasado ano, xa se tramitaron preto de 1.500, o que supón a mobilización de arredor de 11,6 millóns de euros. Destacou que se van aboar todas as indemnizacións solicitadas que cumpran os requisitos e que as achegas cobren o 100 % do valor de reposición do ben danado, tanto en relación coas liñas agrarias como coas forestais.

Ademais, Balseiros incidiu nas singularidades desta convocatoria, que repercuten na tramitación dos expedientes, tendo en conta por exemplo que gran parte das solicitudes se presentaron en papel e que foi necesario requirir documentación a case todas as peticións, malia a escasa documentación que se precisa.

Data de actualización: 02/10/2026