O delegado da Xunta en Ourense presentou esta mañá no establecemento Garandela Turismo Rural en Cenlle, a programación da 20ª edición do Outono Gastronómico
A Xunta promove o desenvolvemento turístico da provincia de Ourense a través dunha nova campaña do Outono Gastronómico no turismo rural
Manuel Pardo explicou que nesta 20ª edición, son 14 os establecementos da provincia de Ourense que participan nesta iniciativa consolidada dende o 18 de setembro ata o 20 de decembro
O delegado da Xunta destacou que esta campaña de Turismo de Galicia inxectou máis de 7,3M€ no tecido turístico galego e suma xa unha participación de 110.000 persoas en toda a súa traxectoria
Os prezos dos distintos paquetes oscilan entre os 40 e os 375 euros
Ourense, 5 de outubro de 2026
O delegado da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, acompañado do xefe de área de Turismo, Cecilio Santalices, e da alcaldesa, Rebeca Sotelo, presentou esta mañá no establecemento Garandela Turismo Rural en Cenlle, a 20ª edición da campaña Outono Gastronómico no Turismo Rural co obxectivo de promover a nosa singular gastronomía en combinación coas agradables estadías nas casas de turismo rural da nosa comunidade con modalidades e prezos moi atractivos.
O delegado da Xunta explicou que nesta 20ª edición, son 14 os establecementos da provincia de Ourense que participan nesta iniciativa consolidada dende o 18 de setembro ata o 20 de decembro, co fin de dinamizar o turismo no eido rural e favorecer a desestacionalización neste período e impulsar o sector do turismo rural.
Tamén detallou que, como outros anos, hai distintas modalidades: Menú Outono gastronómico -sen aloxamento-, Paquete Outono gastronómico -para estadías dunha noite-, Fin de Semana Outono gastronómico -para dúas noites- e Outono Plus, que engade actividades á programación da fin de semana, como paseos a cabalo, surf, sendeirismo ou visitas a adegas.
Manuel Pardo sinalou que esta proposta, creada en 2007 en colaboración coa rede de establecementos de Turismo Rural de Galicia, alíñase cos obxectivos da Estratexia de Turismo 2030 da Xunta de Galicia, ao avanzar na desestacionalización da oferta e na redistribución territorial, constituíndo un importante apoio para a promoción do turismo rural.
Neste marco, lembrou as máis de 110.000 persoas que participaron ao longo das edicións anteriores e que xeraron no sector turístico rural máis de 7,3 millóns de euros coas súas estadías nos establecementos de turismo rural adheridos ao programa en toda Galicia.
Promoción da campaña
Durante a presentación, Manuel Pardo resaltou que Turismo de Galicia desenvolveu unha ampla campaña de visibilidade en medios e soportes físicos e dixitais. Entre o 7 de setembro e o 7 de outubro estanse a realizar accións de publicidade en buses urbanos e metropolitanos na cidade de Ourense (5 autobuses). A estratexia complétase con accións en redes sociais e en medios audiovisuais, con cobertura en toda Galicia, o norte da Península, o norte de Portugal e Cataluña.
A estratexia promocional refórzase coa colaboración de 10 creadores de contidos, convidados durante as dúas primeiras fins de semana da campaña (18-20 e 25-27 de setembro), co compromiso de realizar publicacións nas súas redes sociais.
Ademais, desde o 7 de setembro está operativo un espazo específico na web de Turismo de Galicia, con toda a información da iniciativa e coa guía informativa dispoñible para descarga. Finalmente, como apoio á difusión, Turismo de Galicia editou 8.400 guías informativas e 500 carteis, distribuídos entre os establecementos participantes, aproximadamente 90 oficinas de Turismo de Galicia, a Oficina de Turismo de Madrid (Casa de Galicia) e as catro Áreas Provinciais de Turismo da Xunta de Galicia, garantindo así unha ampla presenza da campaña tanto nos establecementos como nos principais puntos de información turística.
Establecementos adheridos
Ademais deste establecemento, os adheridos á campaña deste ano son Vila Centellas e La Rectoral de San Eusebio en Coles, Reitoral de Chandrexa en Parada de Sil, Eido das Estrelas na Veiga, Casa Ramirás en Ramirás, Casa Rural Vilaboa en Allariz, Rectoral de Ansemil en Celanova, Casa Sabariz, Rectoral de Candás e Aldea Rural Santo André en Rairiz de Veiga, Casa a Rousía en Baltar, O Retiro do Conde en Monterrei, e Casa da Feira en Lobios.