A Xunta defende unha mobilidade sostible, eficiente e vertebradora do territorio

A directora xeral de Mobilidade participou na xornada de debate sobre a nova mobilidade en Galicia organizada polo Consello Económico e Social de Galicia

Judit Fontela destacou entre as principais medidas impulsadas polo Goberno galego o Plan de Transporte Público de Galicia, a Plataforma Galega de Mobilidade 4.0 MoBT, as diferentes bonificacións ou as estacións intermodais

Galicia conta coa Estratexia Galega de Mobilidade Sostible como folla de ruta, que integra 99 actuacións dotadas con 420M€ ata 2050

Santiago de Compostela, 5 de outubro de 2026

A directora xeral de Mobilidade, Judit Fontela, participou hoxe na xornada de debate sobre a nova mobilidade en Galicia organizada polo Consello Económico e Social de Galicia, onde defendeu a necesidade de seguir avanzando cara a unha mobilidade sostible, eficiente e vertebradora do territorio. A directora xeral afondou nas diferentes medidas impulsadas polo Goberno galego con este obxectivo, entre as que destacou o Plan de Transporte Público de Galicia, a Plataforma Galega de Mobilidade 4.0 MoBT, as diferentes bonificacións ou as estacións intermodais, entre outras.

Segundo sinalou Judit Fontela, o Plan de Transporte Publico de Galicia permite darlle resposta a un dos grandes retos da mobilidade na comunidade, o de garantir o acceso ao transporte público tamén nas zonas rurais e dispersas, onde a baixa demanda fai necesario buscar fórmulas máis eficientes e adaptadas ao territorio. Nesta liña, referiuse á posta en marcha do transporte integrado e do transporte baixo demanda, como modelos para “optimizar os recursos, mellorar a eficiencia ambiental e ampliar a cobertura garantindo alternativas de mobilidade tamén para as persoas que viven en zonas máis afastadas dos núcleos urbanos”.

A aposta pola modernización tecnolóxica e a intermodalidade é outro dos eixes do Goberno galego. Neste marco de acción naceu MoBT, “un novo ecosistema de mobilidade que integra un portal web, unha aplicación para dispositivos móbiles e unha nova tarxeta co obxectivo de modernizar os medios de pago e integrar os diferentes servizos e solucións vinculados ao transporte público de Galicia”, apuntou a directora xeral.

Por outra banda, neste marco de modernización e mellora do transporte público, o Goberno galego tamén puxo o foco en fomentar o seu uso entre a cidadanía e facilitar o seu acceso. Para a directora xeral de Mobilidade, o impulso ao longo dos últimos anos das diferentes bonificacións e descontos contribúe a facer do transporte público “unha opción cada vez máis atractiva, accesible e económica”. Como casos salientables destacou a Tarxeta Xente Nova, con preto de 132.000 activas, e a Tarifa+65, con máis de 150.000. Só entre xaneiro e xullo deste ano, o importe das bonificacións para ambas sumou case sete millóns de euros.

Aposta pola intermodalidade

Xa no eido da intermodalidade, Judit Fontela referiuse á execución das terminais de autobuses, que lle permitirá a Galicia contar o vindeiro ano con seis estacións intermodais funcionando, xa que ás de Santiago de Compostela, Pontevedra, Vigo e Ourense se sumarán as da Coruña e Lugo. Ademais, “a Xunta ten previsto avanzar na área intermodal de Ferrol se o Goberno central responde ás demandas autonómicas”, engadiu.

Este conxunto de medidas enmárcanse na Estratexia Galega de Mobilidade Sostible, a folla de ruta deseñada pola Xunta para transformar o modelo de mobilidade en Galicia e avanzar cara a unha maior funcionalidade, sostibilidade e seguridade, apoiándose para iso na innovación tecnolóxica. Aprobada en 2024, integra 99 actuacións dotadas con 420 millóns de euros con 2050 como horizonte. Entre estas actuacións, Judit Fontela sinalou tamén a mellora da accesibilidade e conectividade das paradas de autobús e a execución de Infraestruturas que fomenten os desprazamentos non motorizados nos ámbitos urbanos e metropolitanos, como aparcadoiros disuasorios ou sendas peonís e ciclistas.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 05/10/2026