Galicia será exemplo de sustentabilidade no cumio mundial sobre innovación turística que se celebra en Sevilla
O director de Turismo de Galicia participará este martes nunha mesa sobre certificacións de calidade e sostibilidade e o mércores no Foro de Rexións Turísticas Innovadoras
Santiago de Compostela, 5 de outubro de 2026
O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, participará este martes e mércores en Sevilla na sétima edición do TIS – Tourism Innovation Summit, o evento internacional de referencia en innovación, tecnoloxía e sustentabilidade aplicada ao sector turístico, que se celebra na capital andaluza os días 6, 7 e 8 de outubro.
Xosé Merelles intervirá mañá martes 6 de outubro, ás 13.00 horas, na mesa ‘Sostibilidade certificada ou greenwashing? Do compromiso á evidencia’, onde compartirá debate con expertos do ámbito da sustentabilidade turística para analizar os novos estándares e esixencias que deben cumprir empresas e destinos.
A mesa, moderada por Miguel Mirones, presidente do Instituto para a Calidade Turística (ICTES), contará tamén coa participación do catedrático de Marketing de Sostibilidade da Universidade de Surrey, Xavier Font, e da directora do Clúster de Turismo Sostible de Aragón, Nita Maciá. O encontro abordará a necesidade de que os compromisos en materia de sustentabilidade turística se apoien en datos, certificacións verificables e auditorías independentes, así como os cambios que deberán afrontar as organizacións para responder ás novas esixencias normativas e ás demandas do mercado.
Xa o mércores 7 de outubro, o director de Turismo de Galicia participará no Foro de Rexións Turísticas Innovadoras, que reunirá responsables turísticos de diferentes comunidades autónomas para compartir experiencias e analizar os retos do sector.
En concreto, Xosé Merelles intervirá na mesa ‘Retos e oportunidades para un futuro turístico sostible e innovador’, xunto con representantes de varias comunidades autónomas, nun encontro orientado a compartir iniciativas e boas prácticas para avanzar cara a un modelo turístico máis innovador, competitivo e sostible.