A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático reuniuse co alcalde da localidade
A Xunta e o Concello de Oroso acordan a ampliación da rede de abastecemento municipal en Vilacide de Arriba
Ángeles Vázquez insiste no compromiso do Goberno galego de apoiar os concellos para acometer actuacións hidráulicas que pola súa complexidade ou polo seu custo económico resultarían difíciles de acometer exclusivamente con recursos municipais
Santiago de Compostela, 5 de outubro de 2026
A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, e o alcalde de Oroso, Alexánder Doval, acordaron hoxe a ampliación da rede de abastecemento municipal en Vilacide de Arriba.
A conselleira explicoulle ao alcalde que Augas de Galicia xa avaliou o proxecto presentado polo Concello e determinou que cumpre os parámetros técnico-legais necesarios, pero subliñou que o inicio da actuación está supeditado a dispor dos correspondentes informes de Carreteras del Estado e da Deputación Provincial da Coruña para poder incluír estas obras no presente exercicio orzamentario. De feito, segundo indicou o alcalde, a solicitude ao respecto desta cuestión fíxose o pasado mes de maio.
Ángeles Vázquez insistiu no compromiso da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático de apoiar os concellos para acometer actuacións hidráulicas que pola súa complexidade ou polo seu custo económico resultarían difíciles de acometer exclusivamente con recursos municipais.
Ademais, a conselleira incidiu en que investir en infraestruturas hidráulicas significa mellorar os servizos públicos, ao dotar á veciñanza dun servizo de maior calidade, protexer os recursos hídricos e avanzar cara a un territorio máis sostible.