A Xunta pon en valor a formación promovida nos últimos tres anos por Aceesca a prol da inserción laboral das persoas con diversidade intelectual
A directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Mariño, participou esta mañá no Porriño na ‘Xornada de talento e inclusión laboral da formación dual adaptada’, impulsada pola Asociación de apoio ás persoas con diversidade intelectual
O Porriño (Pontevedra), 7 de outubro de 2026
A directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Mariño, acompañada pola delegada da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, e polo alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, participou esta mañá na Xornada de talento e inclusión laboral da formación dual adaptada. Impulsado pola Asociación de apoio ás persoas con diversidade intelectual (Aceesca), o acto ten lugar debido á próxima clausura dos dous proxectos formativos que veñen desenvolvendo nos últimos tres anos co apoio autonómico.
En concreto, a cafetería Lume na que se celebrou o acto acolle un programa centrado nas operacións básicas de restaurante e bar, que permite combinar a formación coa atención ao público. A maiores, Aceesca promove outro proxecto arredor das actividades auxiliares de viveiros, xardíns e centros de xardinería que se desenvolve desde este pasado verán na Escola Profesional Lume do polígono das Gándaras do Porriño.
Na clausura da xornada, a directora xeral destacou que as persoas participantes en ambas modalidades da formación dual adaptada rematarán a experiencia cos correspondentes certificados de profesionalidade que facilitarán a súa incorporación ao mercado laboral ordinario. Nese senso, e poñendo en valor o Centro Especial de Emprego (CEE) Lume que conta con máis de 60 persoas traballadoras en diferentes áreas, celebrou a oportunidade que brinda o acto celebrado hoxe de demostrar o aprendido a empresas da contorna co fin de favorecer futuras oportunidades de contratación.