O director xeral de Cultura participou no acto da apertura do encontro que se celebra durante todo o día no Gaiás
A Xunta reúne máis de 100 técnicos de museos nunha xornada de formación enfocada na tecnoloxía
A iniciativa, impulsada pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, buscar promover a actualización dos profesionais tendo en conta a transformación dixital no sector
Santiago de Compostela, 8 de outubro de 2026
O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, participou hoxe na Cidade da Cultura no acto de apertura da xornada Os museos na encrucillada tecnolóxica: estratexias de xestión e comunicación, na que participan máis de 100 membros do persoal técnico dos centros que forman parte do Sistema Galego de Centros Museísticos.
Así, o representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude explicou que o programa céntrase en darlles a coñecer e analizar as principais ferramentas para afrontar a modernización dos espazos expositivos con cuestións vencelladas ao uso de novas tecnoloxías aplicadas ao patrimonio, como a fotogrametría ou a impresión 3D, e coas estratexias en materia de xestión dixital.
Deste xeito, a xornada conta coa participación de diversos especialistas en comunicación dixital, divulgación cultural e científica e innovación no patrimonio, co obxectivo de compartir cos participantes a súa experiencia a través de varios relatorios e mesas redondas. Nesta liña, Intervirán Javier Sáinz de los Terreros, xefe do Servizo de Comunicación Dixital do Museo do Prado; Lidia García Merenciano, arqueóloga, colaboradora de medios e escritora especializada en divulgación científica; Nuria Rodríguez Ortega, doutora en Historia da Arte e especialista en Humanidades Dixitais; Néstor F. Marqués, arqueólogo e divulgador especializado en aplicar tecnoloxía ao patrimonio cultural, e Miguel Ángel Cajigal, historiador da arte e técnico do Museo Centro Gaiás.