A Xunta felicita aos participantes no Programa Integrado de Emprego do Concello de Ferrol que acadou un 75% de inserción no mercado laboral
A delegada de Ferrol, Martina Aneiros, e a directora xeral de Formación e Cualificación para o Emprego, Zeltia Lado, participaron esta mañá en Afundación na clausura deste itinerario formativo financiado pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración
Ferrol, 8 de outubro de 2026
A delegada da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, clausurou esta mañá o Programa Integrado de Emprego (PIE) do Concello de Ferrol apoiado pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración cunha achega de 220.000 euros.
A representante autonómica destacou a implicación nesta acción dun total de 100 persoas desempregadas do municipio das que o 75% conseguiron incorporarse ao tecido produtivo da contorna, en sectores como o comercio, a loxística, os servizos ou a alimentación, entre outros.
Durante a xornada, en cuxa apertura participou a directora xeral de Formación e Cualificación para Emprego, Zeltia Lado, Aneiros incidiu na importancia de adaptar a formación ás necesidades das empresas como “un valor engadido a favor da empregabilidade dos colectivos con especiais necesidades de apoio como as persoas con discapacidade, en risco de exclusión, migrantes, maiores de 52 anos ou menores de 30, prioritarios nas políticas de emprego da Xunta”.
Os programas integrados de emprego contemplan actividades de orientación e asesoramento personalizado, formación, técnicas de motivación, desenvolvemento de habilidades sociolaborais ou obradoiros para a preparación de entrevistas. Tamén se fomenta o contacto co tecido empresarial, a prospección de oportunidades e a posibilidade de prácticas profesionais non laborais.
Cada proxecto conta cun equipo técnico especializado, cuxos custos salariais e de Seguridade Social son subvencionados. Así mesmo, cóbrense os gastos derivados de desprazamentos, materiais ou subcontratación de formación.