Belén do Campo informa no concello de Malpica sobre o labor dos tres traballadores contratados co programa Galicia Suma Talento: Rural Activo da Xunta

Na provincia da Coruña a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración destinou máis de 5 millóns de euros a esta liña de axudas, o que permitiu a contratación  de 283 persoas en 82 concellos

Malpica de Bergantiños (A Coruña), 8 de outubro de 2026

A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, acompañada polo alcalde de Malpica, Eduardo Parga, visitou hoxe o Concello para coñecer o traballo que están a desenvolver as tres persoas contratadas durante nove meses a xornada completa ao abeiro do programa Galicia Suma Talento: Rural Activo.

Esta iniciativa ten como finalidade favorecer a contratación de persoas desempregadas e o desenvolvemento de actuacións relacionadas coa prevención de incendios forestais e coa conservación do medio rural.

No caso de Malpica, o Concello conta cunha achega de preto de 51.000 euros, destinada á contratación destas tres persoas, que realizan actuacións de limpeza de montes, xestión da biomasa, mantemento de espazos naturais e outras tarefas de carácter forestal e ambiental.

Durante a visita, a representante autonómica informou de que o programa permite combinar a contratación de persoas desempregadas coa realización de traballos vinculados á prevención de incendios e ao mantemento do territorio, facilitando ás persoas participantes a adquisición de experiencia profesional relacionada con estas tarefas.

A Consellería de Emprego, Comercio e Emigración resolveu unha nova edición de Galicia Suma Talento: Rural Activo, dotada con 20 millóns de euros. No conxunto da provincia da Coruña, a Xunta financiou a contratación de 282 persoas en 81 concellos, cun investimento de preto de 5 millóns de euros. No caso concreto da comarca de Bergantiños-Costa da Morte, 14 concellos contaron con apoio para contratar 56 persoas desempregadas, cunhas achegas de máis de 1 millón de euros.

Novidades do programa

A edición deste ano de Galicia Suma Talento: Rural Activo incorpora a figura da persoa coordinadora municipal de prevención de incendios, destinada aos concellos adheridos ao convenio de colaboración entre a Xunta e Seaga en materia de prevención e defensa contra os incendios forestais.

Estes municipios tiveron a posibilidade de contar cun contrato adicional para coordinar os equipos de traballo e planificar as actuacións de acordo coa estratexia autonómica.

Ademais, por primeira vez, os concellos afectados polos grandes incendios forestais e os adheridos a este convenio contaron coa posibilidade de manter o mesmo número de contratacións que na convocatoria anterior.

O programa inclúe tamén formación específica para as persoas contratadas en materias relacionadas coa prevención de incendios, o uso de maquinaria e ferramentas forestais e a seguridade no desenvolvemento destes traballos, así como contidos orientados á súa cualificación profesional e á realización segura das tarefas no medio rural.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 08/10/2026