Educación lanza o programa `Medrando entre Culturas’ para favorecer a inclusión do alumnado estranxeiro nas aulas

A directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, visita o Colexio Plurilingüe O Pombal, en Vigo, onde explicou que se trata dunha iniciativa piloto para favorecer a igualdade de oportunidades e á que poderán acollerse os centros de maneira voluntaria

Esta acción enmárcase no Programa galego de acollida e apoio educativo ao alumnado estranxeiro

Vigo, 8 de outubro de 2026

A Consellería de Educación vén de lanzar a primeira convocatoria de Medrando entre culturas, un novo programa piloto para favorecer a inclusión do alumnado estranxeiro no ensino. Así o explicou a directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, nunha visita ao Colexio Plurilingüe O Pombal, en Vigo, onde subliñou que se trata dunha iniciativa voluntaria por parte dos centros, que dispoñen de prazo ata o 23 deste mes para presentar un proxecto específico de inclusión do alumnado de orixe estranxeiro, fomentando a eliminación de barreiras culturais dentro do colexio. 

O obxectivo desta iniciativa, que se enmarca no Programa galego de acollida e apoio ao alumnado estranxeiro, é crear unha contorna escolar na que a diversidade se perciba como un valor. Promoverase a participación activa de todo o alumnado e das súas familias para compartir coñecementos, costumes e linguas, á vez que se desenvolven habilidades sociais, emocionais e culturais para enriquecer a convivencia.

O programa vai dirixido a todos os centros públicos de infantil, primaria e secundaria, que contarán co asesoramento da Consellería. Educación escollerá os 40 centros de maior puntuación segundo os baremos establecidos na convocatoria, e os traballos resultantes poderán divulgarse como exemplo de boas prácticas e converterse en modelos de referencia de organización e xestión. Cómpre resaltar que esta iniciativa se enmarca nun contexto de crecemento deste alumnado nas aulas, que pasou do 2,6% de hai unha década a preto do 7% actual, o que supón tamén un reto para a súa integración.

Novas aulas de acollida

A directora xeral de Ordenación e Innovación educativa explicou que esta nova convocatoria súmase a outras iniciativas que está desenvolvendo a Xunta de Galicia para asegurar a mellor atención educativa ao alumnado doutros países nas aulas galegas.

Dentro do novo Marco para o impulso educativo, unha das liñas estratéxicas é o reforzo da igualdade de oportunidades. Nese sentido, porase en marcha un programa piloto de aulas de acollida para alumnado de incorporación tardía. Isto é, un recurso temporal de apoio para o estudantado procedente do estranxeiro que se incorpore á Educación Secundaria unha vez iniciado o curso e presente dificultades significativas de competencia lingüística ou desfase relevante nas aprendizaxes.

Segundo explicou Fernández, estas aulas estarán enfocadas a facilitar unha acollida educativa “intensiva e personalizada” centrada, especialmente, na adquisición de competencias lingüísticas, no reforzo das aprendizaxes fundamentais e no coñecemento do novo contexto escolar. O obxectivo é “favorecer a incorporación progresiva e o antes posible do alumno á dinámica ordinaria da aula e do centro”, abondou.

Galicia conta, desde 2024, co Programa galego de acollida e apoio educativo ao alumnado estranxeiro, unha das accións recollidas no Plan MEGA de mellora educativa de Galicia, con accións específicas de inclusión para estes estudantes nos centros educativos.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 08/10/2026