O presidente da Xunta preside o acto de homenaxe aos corpos de Policía Local na Agasp da Estrada
Rueda salienta o valor da Policía Local como corpo fundamental para garantir a seguridade e a convivencia en Galicia
Dá os parabéns a todos os homenaxeados coas medallas ao mérito e os distintivos de permanencia, así como aos novos inspectoras e inspectores principais e aos 108 integrantes da 18ª Promoción da Policía Local que se gradúan hoxe
Salienta o fito de que por primeira vez na historia da Policía Local en Galicia, o 20% das graduadas son mulleres
Destaca a proximidade deste corpo policial, do que salientou a súa preparación para a “realización de actos cada vez máis difíciles”.
Pon en valor o Xacobeo 2027, onde será “fundamental contar con profesionais ben preparados”
A Estrada (Pontevedra), 9 de outubro de 2026
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe o papel crucial que desempeña a Policía Local en todos os municipios de Galicia como a primeira liña de atención cidadá e como un elemento imprescindible para garantir o benestar, a seguridade e a convivencia na comunidade.
Así o sinalou durante o acto institucional de homenaxe a este corpo celebrado na Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp), e onde tamén estivo presente o conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo. Durante a xornada, Rueda puxo o acento na proximidade da Policía Local, da que salientou que “cada día está máis preparada para acometer accións máis difíciles que requiren de máis preparación e máis capacidade de resposta”.
No acto, ademais de celebrarse a gradación da 18ª Promoción da Policía Local, entregáronse 7 medallas ao mérito, así como os diplomas correspondentes ás novas promocións inspectoras e inspectores principais. Ademais, outorgáronse distintivos de permanencia e, por primeira vez, aos tradicionais de 25 anos, engadíronse os referidos a levar 15 e 35 anos no servizo; xunto con dúas encomendas de dedicación ao servizo aos policías de Tui Manuel Arca Caeiro e Avelino Martínez Pérez, respectivamente, pola súa longa traxectoria profesional e a súa entrega.
Neste sentido, o titular da Xunta deu os parabéns a todos os homenaxeados e púxoos como exemplo de vocación e entrega para os 108 novos axentes que hoxe completaron o seu período formativo despois de nove meses.
Máis presenza feminina
O presidente da Xunta resaltou o excelente nivel de preparación teórica e práctica amosado pola nova promoción durante a súa estancia na Academia e no posterior período de prácticas nos concellos.
Cómpre destacar como fito histórico que, por primeira vez na traxectoria da Policía Local en Galicia, máis do 20% dos novos graduados son mulleres, o que supón un avance significativo no camiño cara a unha maior representación feminina nos corpos de seguridade.
Alfonso Rueda destacou a traxectoria da Agasp como centro de referencia, no que xa se formaron máis de 2.100 policías locais ao longo de 43 promocións de novo ingreso e preto de 600 mandos en promoción interna. Ademais, valorou o carácter integrador do centro, que imparte formación conxunta a todos os corpos que operan na comunidade —Policía Local, Policía Autonómica, Policía Nacional e Garda Civil— cun volume superior ás 9.000 horas lectivas ao ano, tras incrementar a súa oferta formativa nun 30 % no último exercicio.
Ademais, o presidente da Xunta resaltou a necesidade de profesionais ben preparados no próximo ano Xacobeo xa que “imos ser o centro das miradas de moitísima xente, imos ter grandes acontecementos, grandes concentracións e situacións onde van facer falta profesionais moi ben preparados para xestionalos e que todo salga con éxito”.
Finalmente, o titular do Executivo autonómico reafirmou o compromiso da Xunta de seguir dotando ás forzas de seguridade local dos mellores recursos humanos e materiais para que poidan desenvolver o seu labor coa máxima eficiencia, empatía e proximidade ás veciñas e veciños de todo o territorio galego.