Belén do Campo pon en valor o labor da Orquesta Gaos como referente de formación, promoción do talento novo e difusión da música clásica

Belén do Campo a delegada lembrou que a Xunta ven colaborando con esta orquesta dende hai anos a través da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude e recentemente a través dos Concertos do Xacobeo, no espectáculo Yandel Sinfónico, celebrado hai uns meses

A Coruña, 9 de outubro de 2026

A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, xunto ao director orquesta Gaos, Fernando Briones, destacou hoxe o compromiso da Orquesta Gaos coa formación, a promoción do talento musical galego e a difusión da música clásica entre públicos diversos durante a presentación da súa nova programación para a tempada 2026/27.

Neste punto a delegada lembrou algunas das súas colaboracións máis exitosas con músicos e artistas como Raphael, Ainhoa Arteta ou Yandel.

Desde a súa creación en 2009, a Orquesta Gaos consolidouse como un proxecto musical de referencia en Galicia e fóra da comunidade, con máis dun centenar de concertos e unha capacidade de chegar cada tempada a arredor de 20.000 espectadores.

A representante do Goberno galego salientou que a Gaos “representa moito máis que unha formación musical”, xa que constitúe tamén un proxecto de formación e de promoción de oportunidades para os novos músicos. A orquestra naceu coa vocación de reunir mozos e mozas procedentes dos conservatorios galegos e ofrecerlles a posibilidade de adquirir experiencia orquestral, compartir escenario e avanzar no seu desenvolvemento artístico.

Neste sentido, subliñou que Galicia conta cun “enorme talento musical” e que é responsabilidade das institución, neste caso da Xunta de Galicia, é contribuír a que ese talento poida formarse, desenvolverse e dar os seus primeiros pasos profesionais na propia comunidade.

Unha programación ambiciosa e diversa

A programación 2026/27 presenta unha proposta variada e ambiciosa, con grandes obras, diferentes repertorios e formatos para todos os públicos, así como a participación de destacados artistas.

A tempada comezará con Don Giovanni, de Wolfgang Amadeus Mozart, no marco do Outono Lírico de Vigo. Entre as citas máis destacadas figura tamén o tradicional concerto solidario de Nadal, en colaboración coa Real Institución Padre Rubinos, que ofrecerá unha antoloxía de zarzuela coa participación da Orquesta Gaos, o Coro Gaos e un coro participativo aberto á cidadanía. O concerto contará ademais coa presenza de artistas como Carmen Solís e Borja Quiza que tamén se celebrará en Cambados.

Neste senso, Belén do Campo, subliñou o valor desta orquesta que expande a súa programación a outros concellos como Vigo, Coruña, Carballo, Cambados ou Mondoñedo.

Esta iniciativa, segundo destacou a representante da Xunta, “resume moi ben o espírito da Gaos: ofrecer oportunidades reais aos novos músicos e acompañalos no seu camiño”.

Achegar a música clásica a novos públicos

Outro dos eixes da programación será a aposta polos Concertos contados, unha proposta destinada a explicar e contextualizar as obras para facilitar que todo o público poida gozar delas, independentemente dos seus coñecementos musicais previos.

A programación incluirá, neste ámbito, propostas como Novos intérpretes, A Novena de Beethoven e Diálogos con Abe Rábade, que permitirán abordar as obras desde novas perspectivas e establecer conexións coa literatura, o cine, as artes visuais e o pensamento contemporáneo.

A programación contará tamén coa participación de Abe Rábade, nun diálogo coa orquestra que permitirá explorar repertorios e linguaxes vinculadas ao ámbito do jazz e doutras expresións musicais contemporáneas.

A representante autonómica defendeu que “o acceso á cultura debe ser universal” e que iniciativas deste tipo, que contan co compromiso da Xunta de Galicia, contribúen a superar a idea de que para asistir a un concerto é necesario coñecer previamente os compositores, os repertorios ou as regras da música clásica.

Unha xira galega coa Novena de Beethoven

Un dos grandes fitos da tempada será a xira galega coa Novena sinfonía de Beethoven, que chegará a Cambados, A Coruña, Mondoñedo e Carballo.

Esta iniciativa supón unha aposta pola descentralización cultural e por achegar os grandes repertorios a diferentes puntos de Galicia. A obra será interpretada pola Orquesta e o Coro Gaos, xunto aos solistas Ruth Terán, Julia Merino, Pancho Corujo e Borja Quiza.

Apoio da Xunta

A representante da Xunta recoñeceu o traballo desenvolvido pola Orquesta Gaos ao longo dos últimos anos, combinando excelencia artística, formación e promoción da mocidade.

Neste senso a delegada lembrou que a Xunta ven colaborando con esta orquesta dende hai anos a través da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude e recentemente a través dos Concertos do Xacobeo, no espectáculo Yandel Sinfónico, celebrado hai uns meses, que tamén contou co apoio da Xunta. Esta colaboración enmárcase no apoio do Goberno galego á actividade cultural e, en particular, a proxectos de carácter formativo e comprometidos coa promoción do talento novo.

A delegada destacou a importancia de manter unha colaboración estable entre as institucións e os proxectos culturais que desenvolven o seu labor sobre o terreo e asegurou que continuará apoiando iniciativas que contribúan a facer de Galicia unha terra de oportunidades para os seus músicos e creadores.

Finalmente, a representante autonómica felicitou os músicos, profesores, responsables da formación, integrantes do Coro Gaos e do Minigaos, así como todas as persoas que fan posible o proxecto. Tamén animou a cidadanía a asistir aos concertos e descubrir unha programación que combina tradición e innovación, excelencia e formación, grandes repertorios e novas linguaxes.

“Proxectos como o da Orquesta Gaos demostran que a música clásica pode ser, ao mesmo tempo, excelencia, formación, innovación e unha porta de entrada á cultura para moitas persoas”, concluíu

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 09/10/2026