O presidente da Xunta participa na clausura da 52ª Reunión Anual da Sociedade Nuclear Española que se celebrou na Coruña

Rueda destaca o papel da enerxía nuclear na estabilidade do sistema eléctrico e nos avances médicos

Defende a importancia desta tecnoloxía para manter unha subministración eléctrica continua

Pon en valor as aplicacións da tecnoloxía nuclear na medicina, poñendo como exemplo o próximo Centro de Protonterapia de Galicia, o primeiro centro público destas características en España, que prevé recibir os primeiros pacientes entre finais de 2026 e comezos de 2027

A Coruña, 9 de outubro de 2026

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe a importancia da enerxía nuclear para garantir a estabilidade da subministración eléctrica, así como as súas aplicacións no ámbito sanitario, onde contribúe ao desenvolvemento de tratamentos contra o cancro cada vez máis precisos.

Así o sinalou durante a clausura da 52ª Reunión Anual da Sociedade Nuclear Española, celebrada na Coruña, que reuniu a máis de 700 profesionais, investigadores e representantes de empresas e institucións vinculadas ao sector enerxético e científico.

O titular do Executivo autonómico incidiu no papel da enerxía nuclear como fonte capaz de proporcionar electricidade de maneira continua e como motor da industria xa que “as industrias do futuro demandan enerxías seguras e enerxías razoables”. Neste sentido, subliñou a que en Galicia hai fontes de enerxía “moi potentes, principalmente en eólico”.  

Rueda defendeu, así, a necesidade de abordar a transición enerxética cun enfoque pragmático, que permita garantir a subministración eléctrica e, ao mesmo tempo, avanzar cara un modelo enerxético máis competitivo para as empresas e os fogares.

Aplicacións médicas da tecnoloxía nuclear

O presidente da Xunta tamén puxo o foco nos beneficios da tecnoloxía nuclear máis alá da produción de electricidade, especialmente no ámbito da saúde. Entre os avances neste campo, destacou a protonterapia, unha técnica de radioterapia que permite dirixir a radiación con gran precisión contra os tumores.

Neste sentido, salientou que Galicia contará proximamente cun centro especializado nesta técnica, o Centro de Protonterapia de Galicia, que será o primeiro centro público destas características en España e sinalou que “non só para Galicia, senón seremos referente tamén para Asturias e gran parte de Castela e León”. A infraestrutura supón un investimento global superior aos 60 millóns de euros, incluídos a construción e o equipamento, e conta con financiamento de fondos europeos e da Fundación Amancio Ortega, que achega 28 millóns de euros para o seu equipamento. A previsión é que comece a atender os primeiros pacientes entre finais deste ano e comezos de 2027.

O centro permitirá ampliar as opcións de tratamento oncolóxico e avanzar cara a unha atención sanitaria máis precisa e personalizada, reforzando a capacidade do sistema público de saúde para incorporar tecnoloxías innovadoras.

A participación de Galicia neste ámbito pon de manifesto as posibilidades da tecnoloxía nuclear tanto para responder ás necesidades enerxéticas como para impulsar avances científicos con impacto directo na calidade de vida da cidadanía.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 09/10/2026