O director de Turismo de Galicia participou na sesión Solemne da Academia Xacobea que tivo lugar en Ribadeo

A Xunta celebra a incorporación de John Rutherford e Manuel Valín á Academia Xacobea para impulsar o estudio e a difusión do fenómeno xacobeo

Xosé Merelles gabou a traxectoria dos dous novos académicos que aportan coñecemento, experiencia e rigor á institución

Ribadeo (Lugo), 11 de outubro de 2026

O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, participou esta mañá na sesión solemne da Academia Xacobea, celebrada no marco da XXI edición das Xornadas ‘Mar por Medio’, na que se oficializou a  entrada na entidade de John Rutherford en calidade de académico de honra e a Manuel Valín Valdés como académico correspondente. Neste sentido, Xosé Merelles salientou que ambas traxectorias achegan coñecemento, experiencia e rigor á institución, precisamente nun momento ás portas dun novo Ano Santo.

Co horizonte do próximo Ano Santo “xa á volta da esquina”, o director de Turismo de Galicia puxo en valor o traballo desta institución, que “contribúe a manter plenamente vixente este acontecemento, a estudar as súas implicacións e a dar difusión aos seus valores”.

Xosé Merelles destacou o perfil de Manuel Valín Valdés, cunha traxectoria profesional e política vinculada á Mariña lucense e, en concreto, ao concello de Ribadeo. No eido xacobeo, o director de Turismo de Galicia lembrou que Valín foi socio fundador da Asociación de Amigos do Camiño Norte na provincia de Lugo en 1989 e tamén participa na difusión do Camiño a través de eventos, artigos e obras de investigación.

Sobre o hispanista británico John Rutherford, académico de honra, o director de Turismo recordou que o seu vínculo con Ribadeo impulsando as xornadas ‘Mar por Medio, que reúnen a galeguistas españois, británicos e doutros países arredor da cultura e da literatura galegas.

Profesor emérito do Queen’s College da Universidade de Oxford, onde exerceu máis de catro décadas como docente de Lingua e Literatura española e iberoamericana, Rutherford é tamén tradutor ao español e ao galego e responsable da edición en inglés de autores como Castelao ou Méndez Ferrín. O Centro de Estudos Galegos de Oxford, que axudou a crear, leva o seu nome.

Merelles defendeu, ademais, o Xacobeo “non só como unha experiencia única”, senón como “un fenómeno global, que debe ser vivido, pero que tamén merece ser investigado e recoñecido”.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 11/10/2026