O conselleiro de Sanidade e o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, xunto coa delegada territorial da Xunta na Coruña e a directora xeral de Saúde Pública, supervisaron o inicio da campaña de vacinación da gripe nos centros escolares

A Xunta inicia a vacinación antigripal sen picada en 75 colexios galegos co fin de chegar a máis de 26.500 escolares e acadar unha cobertura infantil do 60%

Equipos de enfermería do Servizo Galego de Saúde achegan a vacinación a 20 centros educativos máis que o pasado curso, facilitando a conciliación familiar

Na primeira edición deste proxecto piloto de vacinación escolar acadouse unha cobertura do 51 %, coa inmunización de case 9.700 alumnos de 55 colexios

Desde hoxe tamén se abre a vacinación infantil nos centros de saúde, desde os 6 meses aos 11 anos, administrando a vacina intranasal a partir dos 2 anos

A campaña de vacinación da gripe comezou o 28 de setembro nos centros sociosanitarios e, a partir do 19 de outubro, continuará coas persoas maiores de 70 anos e co persoal sanitario

Santiago de Compostela, 13 de outubro de 2026

A Xunta deu comezo hoxe á segunda edición do proxecto piloto de vacinación antigripal escolar que leva a vacina intranasal, sen picada, a 75 centros educativos para chegar a 26.536 escolares co obxectivo de acadar unha cobertura infantil do 60 %.

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, e o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, acompañados pola delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, e pola directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán, acudiron ao inicio da campaña no Centro de Educación Infantil e Primaria das Fontiñas, en Santiago de Compostela.

No acto, o conselleiro de Sanidade detallou a ampliación do proxecto piloto en 20 colexios máis que o curso pasado e 7.500 escolares máis que na primeira edición.

Gómez Caamaño marcou o obxectivo de acadar polo menos o 60 % de cobertura antigripal na poboación infantil, que se vacina desde os 6 meses aos 11 anos e que na última campaña chegou ao 54 %.

Neste marco, o piloto de vacinación escolar, de 3 a 11 anos, alcanzou os 9.668 nenos e nenas vacinados de 55 colexios, o que representa unha cobertura próxima ao 51 %.

Á marxe do proxecto piloto escolar, hoxe tamén nos centros de saúde iníciase a vacinación para toda a poboación infantil, que a partir dos 2 anos recibe a vacina intranasal sen picada.

Os conselleiros agradeceron a implicación das familias na protección da saúde dos menores, aos equipos de enfermería do Servizo Galego de Saúde que se desprazan aos centros educativos e aos propios colexios que colaboran na organización do proxecto piloto que favorece a conciliación familiar, ao evitar ter que acudir noutro momento ao centro de saúde para vacinar os fillos.

Próximos grupos a vacinar

A campaña de vacinación fronte á gripe e á covid empezou o 28 de setembro polas residencias de maiores e centros sociosanitarios e o próximo luns 19 de outubro estenderase ás persoas de 70 ou máis anos e aos profesionais sanitarios.

Posteriormente, o 2 de novembro, a Xunta continuará coa vacinación das embarazadas e o día 9 de novembro coas persoas a partir de 60 anos.

Os 75 colexios participantes este ano no programa piloto

Na área sanitaria da Coruña e Cee son un total de 12 centros os que participan no programa piloto de vacinación escolar nos centros educativos, en concreto: no concello da Coruña, o CEIP Eusebio da Guarda, o CEIP María Barbeito e Cerviño, o CEIP Raquel Camacho e o CPR Fogar de Santa Margarida. Tamén participan nesta área sanitaria da Coruña e Cee neste proxecto piloto os centros CEIP Ramón Otero Pedrayo da Laracha; o CEIP Ponte dos Brozos de Arteixo; o CEIP Francisco Vales Villamarín de Betanzos; o CEIP Fogar de Carballo; o CPR  Andaina de Culleredo; o CPR Montespiño de Culleredo; o CPR Nuestra Señora del Carmen de Fisterra; e o CPR Hijas de Cristo Rey de Oleiros.

Polo que atinxe á área sanitaria de Ferrol, son catro os colexios que participan este curso no proxecto piloto de vacinación: o CEIP Cruceiro de Canido, o CEIP Plurilingüe de Ponzos, o CEIP San Xoán de Filgueira e o CPR Sagrado Corazón.

Na área sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza, os colexios participantes son 14. Concretamente, na cidade de Santiago de Compostela participan: o CEIP das Fontiñas, o CEIP Pío XII e o CPR La Salle. Ademais, tamén forma parte do programa piloto este ano o CPR Nosa Sra. de Lourdes da Estrada; a EEI Milladoiro de Ames; o CPR Nosa Sra. Rosario de Arzúa; o CEIP Xesús Golmar de Lalín; o CEIP O Coto de Negreira; o CEIP Alfonso D. Rodríguez Castelao de Ordes; o CEIP Camiño Inglés no concello de Oroso; o CEIP de Sigüeiro, tamén en Oroso; o CPR Nosa Señora Inmaculada de Santa Comba; o CEIP Plurilingüe de Silleda; e o CPR Mª Inmaculada, tamén de Silleda.

Polo que respecta á área sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos, os colexios que participan son 12. En concreto da cidade de Lugo participan o CEIP Luis Pimentel e o CPR  Plurilingüe San José. Ademais, tamén participan o CEIP Purilingüe Vista Alegre de Burela, o CEIP Xoán de Requeixo de Chantada, o CPI Plurilingüe Virxe do Monte de Cospeito, o CPI Plurilingüe Dr. López Suárez de Friol, o CEIP Lagostelle de Guitiriz, o CPR Real Colegio Padres Escolapios de Monforte de Lemos, o CEIP Plurilingüe de Monterroso, o CPR Plurilingüe Ntra. Sra. de la Asunción de Sarria, a EEI de Vilalba e o CPR Plurilingüe Landro de Viveiro.

Na área sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras, son 13 os colexios que participan no proxecto piloto de vacinación nos centros educativos. En concreto, na cidade de Ourense participan: o CEIP Plurilingüe Irmáns Villar e o CPR Plurilingüe Divina Pastora. Tamén participan o CPR Pablo VI Fátima da Rúa, o CEIP Padre Feijoo de Allariz, o CPI Plurilingüe Antonio Failde de Coles, o CPI Terras de Maside, o CEIP Plurilingüe Calvo Sotelo do Carballiño, o CPR Plurilingüe Sagrado Corazón, tamén do Carballiño, os CPR Plurilingües Guillelme Brown e Miraflores do Pereiro de Aguiar, o CPR Plurilingüe María Inmaculada de Verín e os CEIP Carlos Casares e Rosalía de Castro de Xinzo de Limia.

Na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés participan nove colexios,  en concreto, na cidade de Pontevedra, o CEIP A Xunqueira II, o CEIP Vilaverde Mourente, o CPR  Sagrado Corazón de Jesús e a EEI Concepción Crespo Rivas. Ademais, tamén participan o CPR Sonrisas y Lágrimas da Illa de Arousa, o CEIP San Tomé de Cambados, o CPR San Narciso de Marín, o CEIP Arealonga de Vilagarcía de Arousa e o CPR Sagrada Familia, tamén de Vilagarcía de Arousa.

Finalmente, na área sanitaria de Vigo, os colexios participantes son 11. Na cidade de Vigo participan o CEIP García Barbón, o CEIP Lope de Vega, o CEIP Pintor Laxeiro, o CEIP Seis do Nadal, o CPR Plurilingüe Apóstol Santiago e a EEI Vila Laura. Así mesmo, tamén participan o CEIP Plurilingüe de Reibón en Moaña, o CPR Plurilingüe Lar, en Mos, o CRA María Zambrano do Rosal, o CRA Raíña Aragonta de Salceda de Caselas, e o CEIP Plurilingüe Infante de Borbón de Salvaterra de Miño.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 13/10/2026