O delegado da Xunta en Ourense participa na presentación do ‘17º Salón do Automóbil’
Manuel Pardo explicou que se desenvolverá no recinto feiral de Expourense a fin de semana do 16 ao 19 de novembro co’ Salón do Vehículo Novo’, e dende o 23 ao 26 de novembro co ‘Salón do Vehículo de Ocasión’
Está organizado de forma conxunta entre Expourense e a Asociación de Concesionarios de Automóbiles de Ourense, (ACAUTO), que son os que concorrerán como expositores
O delegado da Xunta destacou tamén o carácter solidario do evento, que como dende o ano 2016 repítese a colaboración con Cáritas Ourense, entidade que recibirá ao rematar estas citas 15 euros por cada vehículo vendido que será achegada entre Expourense e ACAUTO
Ourense, 13 de outubro de 2026
O delegado da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, participou esta mañá na presentación do ‘17º Salón do Automóbil’ que se desenvolverá no recinto feiral de Expourense a fin de semana do 16 ao 18 de outubro co ‘Salón do Vehículo Novo’ e do 23 ao 25 de outubro co ‘Salón do Vehículo de Ocasión’.
O delegado da Xunta explicou que se trata de dúas citas vencelladas cun dos sectores comerciais de maior peso na provincia de Ourense, o da automoción, e que está organizado de forma conxunta entre Expourense e a Asociación de Concesionarios de Automóbiles de Ourense, (ACAUTO), que son os que concorrerán como expositores.
Todas as marcas presentes aproveitarán a súa presenza nesta cita para presentar os últimos lanzamentos e os vehículos que se van comercializar de cara a campaña do 2026. En total, participarán 20 empresas representando a 31 marcas que presentarán en total unha vintena de modelos novos en todas as motorizacións existentes na actualidade. As marcas representadas son: AUDI, BMW, BYD, CHANGAN, CITROËN, CUPRA, DACIA, EBRO, FIAT, FORD, HYUNDAI, JAECOO, JEEP, KIA, LEAPMOTOR, LEPAS, MAZDA, MERCEDE, MG, MINI, NISSAN, OMODA, OPEL, PEUGEOT, RENAULT, SEAT, SKODA, SUZUKI, TOYOTA, VOLKSWAGEN e VOLVO.
Para Manuel Pardo o obxectivo destas citas é presentar no recinto feiral unha oferta completa e atractiva, que cubra todas as gamas e modelos de vehículos para adaptarse ás necesidades e preferencias dos visitantes. Trátase dun público amplo que poderá consultar nun mesmo espazo e de forma axeitada toda a oferta existente no mercado ourensán, e comparar opcións antes de decidir a compra do seu vehículo; e asegurou que “a feira constitúe o mellor escaparate que ten o sector na provincia, polo que animo á cidadanía ourensá a visitar a exposición”
Tamén destacou o delegado da Xunta o carácter solidario do evento, que como dende o ano 2016 repítese a colaboración con Cáritas Ourense, entidade que recibirá ao rematar estas citas 15 euros por cada vehículo vendido que será achegada entre Expourense e ACAUTO.