Mar visita a lonxa de Baiona para coñecer de preto as instalacións e o proxecto ‘Baiona mare ludis et natura’
Baiona (Pontevedra), 13 de outubro de 2026
A directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Ángeles V. Suárez, visitou esta mañá a lonxa da Confraría de Pescadores La Anunciada de Baiona, acompañada polo alcalde do municipio, Jesús Vázquez Almuíña, e polo patrón maior, Roberto Cabral. Durante o percorrido, comprobou a súa actividade e abordou cos representantes locais cuestións relacionadas co sector pesqueiro da vila, ademais de coñecer, de primeira man, o proxecto ‘Baiona Mare Ludis et Natura’.
Ángeles V. Suárez visitou a nova instalación de 90 paneis solares na cuberta da lonxa, dotada tamén dunha batería de acumulación e financiada ao abeiro da orde de modernización de equipamentos portuarios, cofinanciada polo Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (Fempa). A visita permitiu coñecer tamén o proxecto ‘Baiona Mare Ludis et Natura’, promovido polo Concello no marco das axudas da Consellería do Mar para as Estratexias de Desenvolvemento Local Participativas (EDLP) no que colabora o GALP Ría de Vigo-A Guarda. A iniciativa comprende unha embarcación multifuncional e equipamento audiovisual para actividades náuticas e tarefas de colaboración coa confraría, así como roteiros de sensibilización ambiental dirixidos a escolares e visitantes sobre a biodiversidade e os ecosistemas do litoral baionés.