A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático reuniuse con representantes da entidade e da Fundación Enxeñería Agronómica para o Desenvolvemento de Galicia
A Xunta e o Colexio de Enxeñeiros Agrónomos estudan vías de colaboración para fortalecer o futuro mercado de créditos de carbono de Galicia
Este sistema ten como obxectivo principal contribuír a acadar a neutralidade climática de Galicia en 2040, mediante o fomento de actividades que ou ben eviten a liberación de CO2 ou contribúan a aumentar a súa capacidade de absorbelo
Ángeles Vázquez propuxo impulsar esa colaboración no desenvolvemento e análise das próximas metodoloxías e modelos de proxectos vinculados aos solos agrarios
Santiago de Compostela, 13 de outubro de 2026
A Xunta e o Colexio Oficial de Enxeñeiros Agrónomos de Galicia (COIAG) estudan posibles vías de colaboración para fortalecer o mercado de créditos de carbono e avanzar no cumprimento dos obxectivos de desenvolvemento sostible.
Nese senso, a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, reuniuse hoxe co decano do COIAG, Pedro José Calaza, e outros membros do Colexio para analizar as sinerxías que se poden establecer entre ambas organizacións no marco do mercado de créditos de carbono que a Xunta ten previsto poñer en marcha antes de que remate este ano 2026.
Entre as posibilidades abordadas, a conselleira fixo fincapé no potencial do Colexio Oficial, así como da Fundación Enxeñería Agronómica para o Desenvolvemento de Galicia, cuxo xerente, José Antonio Rivas, tamén estivo na reunión desta tarde, para aportar coñecemento técnico e sectorial nesta materia.
Así, Ángeles Vázquez propuxo impulsar esa colaboración no desenvolvemento e análise das próximas metodoloxías e modelos de proxectos vinculados aos solos agrarios. De feito, un dos obxectivos do SICLE CO2 –o proxecto da Xunta que impulsa o desenvolvemento da infraestrutura tecnolóxica necesaria para poñer en marcha a plataforma do sistema- é realizar un mapeo dos terreos agrícolas para determinar a estimación inicial do potencial de absorción de carbono de cada un deles.
Cómpre lembrar que o sistema voluntario de créditos de carbono da Xunta ten como obxectivo principal contribuír a acadar a neutralidade climática de Galicia en 2040 —mediante o fomento de actividades que ou ben eviten a liberación de CO2 ou contribúan a aumentar a súa capacidade de absorbelo—.
Nesta liña, o futuro sistema terá un funcionamento similar ao dun mercado virtual que busca poñer en contacto aos promotores de actividades xeradoras de créditos de carbono cos potenciais interesados en adquirilos voluntariamente e con independencia de que teñan ou non a obriga legal de compensar as súas emisións.
A maiores, na reunión tamén se analizaron outras cuestións como a posibilidade de deseñar estratexias conxuntas de divulgación e sensibilización ambiental sobre o terreo ou de elaborar estudos e modelos de boas prácticas na xestión agrícola e gandeira concibidos para potenciar a conectividade ecolóxica e reforzar a protección da biodiversidade.