A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia forma en protección de datos a persoas empregadas públicas nun Curso Superior na EGAP

Responsables da Axencia Española de Protección de Datos, do Consello Xeral do Poder Xudicial ou do Colexio de Enxeñaría Informática, entre outros, impartirán esta formación a un grupo de 70 persoas que traballan na Administración

Santiago de Compostela, 13 de outubro de 2026

Un grupo de 70 persoas que traballan para a Administración en Galicia participan a partir de hoxe no Curso Superior sobre Protección de Datos que imparte a Escola Galega de Administración Pública e dirixe a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).

Durante a apertura do curso esta tarde, o director da Amtega, Damián Rey, destacou que a protección dos datos e a ciberseguridade son dous dos aspectos da modernización tecnolóxica e a dixitalización aos que a Xunta dedica máis esforzos e recursos. “As Administracións públicas somos depositarias dunha grande cantidade de datos da cidadanía e temos a obriga de garantir a súa seguridade e de que se faga un bo uso deles. E o persoal empregado público comparte esa responsabilidade e, o lóxico, é que lle poidamos proporcionar a maior e mellor información e formación”, dixo.

O curso afonda no coñecemento da protección dos datos, tanto dende un punto de vista técnico-xurídico, como dende unha perspectiva práctica. Entre os contidos, destaca o marco normativo, os roles e responsabilidades na protección de datos nas Administracións públicas, os dereitos da cidadanía ou as autoridades de supervisión e o réxime sancionador.

O curso conta cunha sesión presencial inicial e con sesións remotas que se impartirán ao longo dos meses de outubro e novembro.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 13/10/2026