Educación constitúe o grupo de traballo para o deseño do novo programa de reforzo de matemáticas para a etapa de primaria

A directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, preside a primeira reunión deste grupo, integrado por docentes especialistas na materia, profesionais dos equipos de avaliación e formación da Consellería e polo presidente da Asociación Galega de Profesorado de Educación Matemática

Esta actuación inxírese nun amplo paquete de medidas ao abeiro do novo Marco galego para o impulso educativo enfocado á mellora integral e continua do sistema

Santiago de Compostela, 13 de outubro de 2026

A Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP vén de constituír o grupo de traballo para o deseño de Avanza Matemáticas, o novo programa de reforzo desta materia nos centros que máis o necesiten e que, xunto co Avanza Lectura, é unha das liñas incluída no Marco galego para o impulso educativo posto en marcha pola Xunta de Galicia.

A directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, mantivo hoxe o primeiro encontro con este equipo composto por unha decena de docentes especialistas en matemáticas que imparten ou impartiron clase en distintos centros de Galicia, polo presidente da Asociación Galega de Profesorado de Educación Matemática (Apagema), Julio Rodríguez, e por técnicos dos servizos de avaliación e de formación da Consellería.

Avanza Matemáticas nace co obxectivo de crear bases sólidas para a aprendizaxe das matemáticas e, nesta liña, priorizarase a comprensión e o dominio dos conceptos básicos fronte á acumulación de contidos, incidindo especialmente no sentido numérico, o cálculo, a relación entre cantidades, o razoamento e a resolución de problemas. Neste sentido, traballarase de xeito específico na formación do profesorado en base a estes conceptos.

Este programa inxírese nun amplo paquete de medidas ao abeiro do novo Marco galego para o impulso educativo enfocado á mellora integral e continua do sistema con medidas de reforzo centradas nas aprendizaxes clave, como son as competencias lectora e matemática; o apoio ao profesorado no seu labor docente; o impulso da igualdade de oportunidades; a mellora continua e os novos retos marcados polo avance tecnolóxico e a intelixencia artificial.

Data de actualización: 13/10/2026