A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, interveu na presentación desta cátedra que Indra vai impartir na Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo da Universidade de Vigo, no Campus de Ourense

Lorenzana asegura que a cátedra de Indra en Sistemas aéreos autónomos permitirá avanzar na autonomía tecnolóxica de Galicia en industrias estratéxicas

Asegura que a presenza de Indra adquire unha relevancia particular polo momento que viven os sectores aeroespacial, da seguridade e da defensa

Asegura que o talento é o máis difícil de conseguir e de fidelizar para unha empresa e avoga por que as administracións sexan quen de facilitar o diálogo entre o mundo empresarial e o académico

“Sen a formación extraordinaria que se está dando nas tres universidades galegas sería imposible que a industria estea chegando aos estándares que está acadando tanto desde o punto de vista macroeconómico como de reputación e calidade”, di

Ourense, 13 de outubro de 2026

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, destacou hoxe que a cátedra de Indra sobre Sistemas aéreos autónomos, que vai impartir a Universidade de Vigo na Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo do Campus de Ourense, contribuirá a unha maior autonomía tecnolóxica con coñecemento e talento propios en Galicia.

No acto de presentación desta cátedra, no salón de graos do Edificio Politécnico do Campus de Ourense, Lorenzana recoñeceu que esta “alianza estratéxica” vai conectar as capacidades da Universidade de Vigo coa experiencia tecnolóxica e industrial de Indra, cuxa colaboración adquire unha relevancia particular polo momento que viven os sectores aeroespacial, da seguridade e da defensa.

A iniciativa contribuirá ao obxectivo de aproximar a formación universitaria ao mundo profesional e a facer visibles novas posibilidades laborais en ámbitos de alto valor engadido. “O talento é o máis difícil de conseguir e de fidelizar para unha empresa”, asegurou Lorenzana, quen avogou por que as administracións sexan quen de facilitar o diálogo entre o mundo empresarial e o académico.

“Estamos en condicións de dicir que Galicia ten moito que achegar a un sector tan estratéxico como é o aeroespazo”, dixo en alusión á Iniciativa Estratéxica de Seguridade, Defensa e Aeroespazo da Xunta. “Necesitamos persoas, talento, para evolucionar todos ese proxectos” e que cheguen ao mercado.

Esta cátedra pode desenvolver unha función particularmente valiosa para achegar o alumnado aos desafíos reais aos que se enfrontan estes sectores tecnolóxicos; ou como ponte entre investigadores, startups tecnolóxicas, pemes galegas interesadas en incorporar novas tecnoloxías e empresas tractoras. Tamén  á  hora de anticipar os perfís profesionais que demandará esta industria nos próximos anos. “Sen a formación extraordinaria que se está dando nas tres universidades galegas sería imposible que a industria estea chegando aos estándares que está acadando tanto desde o punto de vista macroeconómico como de reputación e calidade”, subliñou.

Lorenzana concluíu felicitando á Universidade de Vigo e aos seus equipos académicos polo traballo desenvolvido no campus de Ourense, pola consolidación da súa formación aeroespacial e pola súa capacidade para construír pontes co tecido económico. E agradeceu a Indra a súa confianza na Universidade e na capacidade das empresas e da industria galega.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 13/10/2026