O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP presentoulle a varios axentes da comunidade educativa as novas medidas que se van poñer en marcha neste eido
Román Rodríguez destaca a aposta da Xunta polo reforzo da convivencia co obxectivo de previr, intervir e protexer tanto ao alumnado como ao profesorado
Subliña que o clima de convivencia en Galicia “é bo” e que a inmensa maioría dos alumnos e das familias “poden estar absolutamente tranquilos”, pero que aquelas persoas que poidan chegar a agredir “saiban que non lles vai saír gratis”
Por outra parte, aborda cos directores dos centros de Primaria os cambios que se van dar a nivel curricular dentro do novo Marco para o impulso educativo
Santiago de Compostela, 14 de outubro de 2026
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, subliñou hoxe que as novas medidas en materia de convivencia escolar que vai poñer en marcha a Xunta de Galicia teñen como principal obxectivo “previr, intervir e protexer” tanto ao alumnado como ao profesorado ante condutas contrarias á convivencia.
O titular de Educación do Goberno galego reuniuse hoxe con representantes da comunidade educativa, entre eles os integrantes da Xunta Autonómica de Directores así como directores de distintos centros educativos de toda Galicia, para darlles conta deste paquete de accións enfocadas a fortalecer o clima de respecto, responsabilidade e convivencia nas aulas. Na reunión tamén participaron a directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, e o director xeral de Centros e Recursos Humanos, Jesús Álvarez.
Nestas novas medidas inclúese a intensificación das sancións para o alumnado que cometa faltas de carácter moi grave como o acoso e o ciberacoso, e tamén se tipifican, por primeira vez, as agresións aos docentes, unha medida pioneira en toda España.
A este respecto, e dado que o clima escolar en Galicia é bo, tal e como confirman os datos das últimas enquisas, o conselleiro insistiu en que a inmensa maioría dos alumnos e das familias “poden estar absolutamente tranquilos”, pero que aquelas persoas que, de xeito moi excepcional, poidan chegar a agredir “saiban que non lles vai saír gratis”.
Tras explicar que as modificacións da normativa actual vanse facer a través da Lei de Acompañamento aos Orzamentos 2027, Román Rodríguez fixo fincapé tamén no reforzo da autoridade do docente á hora do exercicio das súas funcións e no acompañamento -tanto a nivel psicolóxico como xurídico- que van ter a través da nova Oficina de apoio ao profesorado.
Respecto ás normas e responsabilidade
Así mesmo, destacou a prevención como un ámbito fundamental de actuación, que se canalizará a través do Plan de coeducación, cuxa finalidade é educar no respecto e tamén na responsabilidade por parte das persoas que practican condutas contrarias á convivencia e na reparación do dano causado.
Precisamente, no que atinxe ás consecuencias ante condutas contrarias á convivencia, vaise levar a cabo a modificación da Lei 4/2011 de Convivencia e participación da comunidade educativa a través da cal se vai actualizar o marco para responder ás novas formas de conflitividade, mellorar a gradación e eficacia das medidas e incrementar a protección do alumnado e do profesorado. As condutas contrarias á convivencia vanse graduar en tres niveis de gravidade, en vez dos dous actuais: condutas leves, graves e moi graves, coa súa correspondente intensidade de resposta educativa.
En canto ás medidas correctoras previstas, para o caso de condutas de maior gravidade establécese a suspensión da asistencia ao centro por períodos máis amplos ou o cambio definitivo de grupo, por exemplo. No caso concreto de situacións de acoso e ciberacoso, tipificadas como moi graves, establécese, con carácter xeral, o cambio de centro nas ensinanzas obrigatorias ou a perda do dereito a continuar escolarizado no centro nas restantes ensinanzas, para quen cometa esta conduta. Nestes supostos, a medida poderá estender os seus efectos á imposibilidade dunha nova matrícula no centro.
Protección ao profesorado
Así mesmo, a través desta reforma lexislativa establecerase un novo réxime administrativo de infraccións e sancións para protexer ao profesorado dos centros docentes públicos. Isto é, que ante agresións aos profesionais docentes, fíxanse consecuencias administrativas proporcionais á gravidade dos feitos, que serán compatibles coas posibles responsabilidades civís ou penais correspondentes. Este novo réxime establece sancións económicas que van desde os 300 euros das infraccións leves ata os 15.000 euros das moi graves. En definitiva, incorpórase unha vía administrativa propia de protección, prevención inmediata e reparación do dano causado, polo que a protección do profesorado deixa de depender unicamente da resposta interna do centro ou, en casos extremos, da vía penal.
Neste contexto nace tamén a Oficina de apoio ao profesorado, cuxa posta en funcionamento se está ultimando, para reforzar a protección do docente e o recoñecemento legal como autoridade pública.
Novo Marco galego de impulso educativo: cambios curriculares
Todas estas medidas inxírense, á súa vez, no novo Marco galego de impulso educativo, o paraugas baixo o cal se artellan as diferentes iniciativas e actuacións do Goberno galego para reforzar as aprendizaxes, apoiar ao profesorado, avanzar na igualdade de oportunidades e dar resposta aos novos retos que afrontan os centros, e que foi aprobado o pasado mes de setembro no Consello da Xunta.
Precisamente esta mañá, tras o encontro para presentar as novas medidas de convivencia, Román Rodríguez reuniuse cos directores dos centros públicos de Primaria para abordar os cambios curriculares que se levarán a cabo dentro deste Marco, centrado sobre todo no reforzo da lectura (Avanza Lectura) e as matemáticas (Avanza Matemáticas), no apoio docente e a mellora continua.
A este respecto, o conselleiro expuxo que a Consellería está traballando na actualización dos currículos de Primaria, dentro da marxe que teñen as comunidades autónomas, de xeito que a competencia lectora teña un carácter transversal en todas as materias e non exclusivamente na lingüística. Así mesmo, tamén se establecerán unhas orientacións curriculares para delimitar as aprendizaxes mínimas que debe adquirir un alumno nas áreas de Lingua Galega e Literatura, lingua Castelá e Literatura e matemáticas.
Por outra parte, vense de constituír o grupo de traballo para o deseño do novo programa Avanza Matemáticas para o reforzo desta competencia naqueles centros que máis o precisen.