A Xunta recoñece o labor do Centro Comercial Aberto Estrela Marín na difusión do valor do comercio local entre as xeracións máis novas

O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, participou hoxe no acto central de Que é un comercio, a campaña extraordinaria desta entidade que é unha das cinco apoiadas este ano polo Goberno galego

Marín (Pontevedra), 14 de outubro de 2026

O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, participou hoxe no acto central da campaña extraordinaria do Centro Comercial Aberto Estrela de Marín Que é un comercio, impulsada co apoio do Goberno galego, que recoñeceu a súa excelencia xunto coas de outros catro centros comerciais abertos no marco da convocatoria de achegas autonómicas a estas entidades.

Alí puxo en valor o labor de Estrela de Marín na dinamización do comercio local e o acompañamento aos seus profesionais, así como na divulgación da importancia deste sector entre os máis novos.

De feito, o evento de hoxe está dirixido a nenas e nenos de infantil e primaria co fin de achegarlles dun xeito lúdico e próximo o valor do comercio de proximidade. Neste sentido, o protagonista desta acción é Estrelín, a mascota oficial do centro comercial aberto.

Así, nesta actividade trabállase con conceptos como que é un comercio, que supoñen os establecementos locais, a importancia socioeconómica do comercio e o seu papel na vertebración do territorio. Deste xeito, enfócase nos valores de proximidade, confianza, comunidade, identidade e economía local combinando a explicación con xogos e dinámicas adaptados á idade do alumnado. 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 14/10/2026